Sinala que a aposta pola industrialización e a descarbonización son dous camiños a seguir para aumentar as oportunidades de vivir e prosperar en Galicia
Resalta que a Xunta de Galicia traballa para facilitar un desenvolvemento áxil e sostible das empresas na comunidade
Destaca que a creación dunha comercializadora de enerxía galega abaratará a enerxía a empresas e particulares
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aposta do Executivo galego pola creación de emprego na Costa da Morte e a industrialización sostible de Galicia.
Na súa intervención no acto de celebración do 120 aniversario de XEAL e dos 30 anos que cumpre Energo-Pro, o último deles á fronte de XEAL, o titular do Goberno galego salientou a “calidade” da entidade e a “confianza” depositada por esta empresa ao investir en Galicia, xerando riqueza e emprego na Costa da Morte, e manifestando que proxectos coma este poden contar con “todo o apoio da Xunta”.
Nesta liña, nun momento no que investidores estranxeiros ven Galicia coma un “magnífico sitio para investir”, Rueda indicou que débese facer o posible para aproveitalo e compatibilizar “a preservación do medio ambiente e as novas industrias” para que a xente, especialmente a poboación máis nova, teña máis oportunidades de futuro en Galicia.
Así, a aposta pola industrialización que manifestou o presidente da Xunta, tradúcese en medidas como a creación dunha comercializadora de enerxía galega que facilitará o acceso a unha “enerxía democrática” para cada vez máis persoas, a desburocratización para facilitar e axilizar os trámites precisos, a posta a disposición das empresas de 500.000 m2 de solo industrial sen custo durante os oito primeiros anos e os servizos da Oficina Económica de Galicia, que respondeu desde abril máis de 7.000 consultas.