As entidades beneficiarias son o CRD Agarimo, a Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, a Asociación Perla Mural Fest e a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos “O Cruceiro”
O goberno local reafirma o seu compromiso coas actividades de promoción económica e apoio ao comercio local
O Concello de Fene vén de formalizar a sinatura dos convenios de subvencións nominativas do 2024, destinados a apoiar entidades que desenvolven actividades de promoción económica. En total, os convenios suman un investimento de 23.800 euros, distribuídos entre o CRD Agarimo, a Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, a Asociación Perla Mural Fest e a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos “O Cruceiro”.
Na sinatura destes convenios participaron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, xunto cos representantes das entidades beneficiarias: Eva María Fraga polo CRD Agarimo; Jorge López pola Confraría Santiago Apóstol de Barallobre; Fran Lage, pola Asociación Perla Mural Fest; e Ana Basoa, pola Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos “O Cruceiro”.
Os fondos destinaranse ao financiamento de actividades clave para o desenvolvemento económico de Fene, entre as que destacan o encontro “As lavandeiras de Sillobre” (2.800 € ao CRD Agarimo), as actividades da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre (8.000 €), o Festival de arte urbana Perla Mural Fest (3.000 €) e a o programa “Merca en Fene” (10.000 €), promovido por “O Cruceiro”.
A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, destacou o compromiso do Concello co tecido asociativo e económico local: “Estes convenios reflicten a nosa aposta por proxectos que non só enriquecen a vida cultural de Fene, senón que tamén teñen un impacto directo no seu desenvolvemento económico e na creación de emprego”.
Pola súa parte, o alcalde Juventino Trigo, subliñou a importancia destas colaboracións para o futuro de Fene. “Coa sinatura destes convenios reafirmamos o noso compromiso por apoiar iniciativas que xeran un retorno económico e social, mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”.