Friday 22 de November de 2024

Máis de 60 mozos e mozas de Paderne reciben desde este outubro clases de reforzo escolar de balde no Concello


Impártense a estudantes de 3 a 16 anos nas dependencias da Casa Consistorial habilitadas, coa novidade das Técnicas de Estudo

Sergio Platas: “Como institución máis próxima á veciñanza, debemos facer esforzos por garantir o máximo número posible de servizos. Axudar a garantir a formación integral dos e das xoves é fundamental, xa que son o noso futuro”

Máis de 60 mozos e mozas de Paderne xa gozan desde o primeiro día de outubro das actividades de reforzo educativo financiadas de xeito íntegro polo Concello de Paderne.

A iniciativa desenvólvese a través de seis actividades de apoio escolar. Unha oferta na que este ano se inclúen, como gran novidade, as Técnicas de Estudo. Esta materia está destinada a proporcionar técnicas de aprendizaxe e estudo para facilitar o coñecemento de xeito transversal en todas as áreas.

Máis aló desta inclusión, o Concello ofrece apoio en Inglés (niveis Infantil, Primaria e Secundaria), Matemáticas (Primaria e Secundaria), Lingua Galega (Primaria) e Lengua Castellana (Primaria). Ademais, os mozos e mozas poden mellorar as súas competencias dixitais con clases de Informática, divididas en nivel de Iniciación e de Perfeccionamento.

Todas estas actividades se desenvolven entre a Biblioteca, a Aula de Informática e o Local de Actividades da Casa Consistorial nas tardes de luns a venres, entre as 16:00 e as 20:30 horas.

“Desde o Concello de Paderne entendemos que a mocidade é fundamental para o noso futuro como localidade. Como institución máis próxima á veciñanza, debemos facer esforzos por garantir o máximo número posible de servizos. E dentro deles, seleccionar aqueles que poidan aportar máis ás persoas. Axudar a garantir a formación integral dos e das xoves é fundamental”, asegura o alcalde, Sergio Platas.

A esta iniciativa, o Concello de Paderne engadirá nas vindeiras datas un programa de actividades de ocio e lecer para completar a súa oferta cara a mocidade do municipio. Cómpre destacar que este reforzo educativo é un dos servizos gratuítos que o administración local ofrece á súa poboación, como tamén o son o servizo de transporte de viaxeiros, a Podoloxía e as aulas de conciliación, que resultan de xeito habitual de pago na maioría de concellos.