As tres entidades organizan obradoiros de preparación de trampas en todas as parroquias do municipio co obxectivo de frear a formación de novas colonias de velutina
Achégase a primavera e con ela o espertar das fundadoras de novas colonias de avespa asiática. Nas próximas semanas estes insectos sairán dos lugares de hibernación e empezarán a construír os niños nos que criar un novo exército de avespas. Por iso é importante capturar cantas máis poidamos. Esa é a razón que levou ao Concello, á Casa do Mel de Goente e á delegación de Ferrolterra da AGA a programar varios obradoiros de construción de trampas, que se desenvolverán a finais de mes e nos primeiros días de marzo.
O que acabamos de describir é unha parte do ciclo biolóxico da vespa velutina nigrithórax. Porén, nos últimos tempos estase vendo que as cousas non son exactamente así. De feito, segundo esta descrición, sería imposible atopar niños con actividade nesta época do ano e, sen embargo, hainos. Os datos máis recentes sobre niños detectados que publicou a Xunta son do día 9 deste mes e, sorprendentemente, no mapa xa aparecen casos de velutina no noso concello.
Quizais sexa unha cuestión puntual debida ao inverno tan temperado que estamos tendo, que lle tería permitido á velutina adiantar o seu ciclo. Quizais esteamos diante dun exemplo claro de adaptación ao medio dunha especie invasora da que hai tan só tres anos pouco se falaba por estas terras e que en 2015 se converteu nun pesadelo. Os datos oficiais falan de preto dun cento de niños localizados nese ano. E localizados non significa retirados, malia que a Casa do Mel de Goente e AGA-Ferrolterra atenderon a practica totalidade dos avisos que lles chegaron e que lles foi materialmente posible atender.
Todo apunta a que 2016 será peor. Pero iso non quita que haxa que tentar por todos os medios frear no posible o avance das avespas. Quen parece saber do asunto -os apicultores e apicultoras- indican que este é un dos momentos idóneos para darlles guerra xa que -en teoría- é cando as fundadoras de novas colonias saen da hibernación. Unha fundadora morta é un niño menos do que teremos que preocuparnos no futuro.
Un dos métodos de captura máis axeitados é empregar trampas con líquido atraente. O Concello, a Casa do Mel de Goente e a delegación da AGA-Ferrolterra programaron para os próximos días obradoiros en todo o territorio nos que mostrarán como preparar estes sinxelos dispositivos, para os que serve unha simple botella de PVC.
As datas e lugares dos obradoiros son os seguintes:
-29 de febreiro: Local social de Naraío
-1 de marzo: Local social de Ferreira
-2 de marzo: Local social de Santa Mariña do Monte
-3 de marzo: Local social do Camiño Arriba
-4 de marzo: Local social de Bardaos
-7 de marzo: Casa da Xuventude de San Sadurniño
-8 de marzo: Local social da AVV. Adiante de Igrexafeita
-9 de marzo: Local social de Lamas
Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19.30h. e é conveniente que as persoas asistentes leven botellas de plástico baleiras para facer as trampas. As máis axeitadas son as de auga de litro e medio, aínda que tamén serven as de refrescos ou de outro tipo, mesmo as pequenas. Para participar nesta actividade non é necesaria inscrición previa. Estes encontros tamén servirán para que a xente da Casa do Mel de Goente e da AGA-Ferrolterra nos conten que se sabe nestes momentos sobre a dimensión da invasión, as medidas que se están tomando e de que maneira se pode combater a avespa asiática nas distintas épocas do ano.