A alcaldesa abriu o acto no que foron galardoadas a asociación ACADAR, Rosa Otero Graña e as directoras do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Santiago de Compostela e Biomédica da Coruña
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, abriu esta mañá o acto de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán 2024 promovido pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Rey acompañou á conselleira, Fabiola García, na xornada na que foron galardoadas a asociación ACADAR, Rosa Otero Graña e as directoras do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Santiago de Compostela e Biomédica da Coruña.
A alcaldesa comezou cunha cita de Emilia Pardo Bazán en referencia ás cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña, que explicaba que “onde hai catro mil mulleres, hai catro mil novelas” para explicar a importancia de que as mulleres conten a súa historia. Rey reivindicou o liderado femenino no presente: “As mulleres somos as grandes protagonistas do século XXI”. Lembrou a pioneiras como Concepción Arenal, Juana de Vega e Rosalía Mera xunto con Emilia Pardo Bazán como promotoras dos valores da igualdade representados nas entidades e persoas recoñecidas.
Rey trasladoulle os parabéns á conselleira por unha nova edición das medallas Pardo Bazán e a súa celebración na cidade: “Non pode ter mellor anfitrioa que esta cidade de grandes mulleres e faro da modernidade en Galicia que é A Coruña”, dixo.