Thursday 21 de November de 2024

O Concello renova as luminarias do Campus Sur da USC para garantir a seguridade


O Concello de Santiago acaba de realizar unha importante actuación no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a renovación total de 438 puntos de luz para garantir a seguridade. Estas intervencións teñen como fin garantir a protección de persoas e bens, e tamén supoñen un aforro e unha mellora da eficiencia enerxética.

Tal e como lle comunicou o Concello de Santiago á xerencia da USC, esta actuación supuxo instalar novos puntos de luz con columnas e luminarias que cumpren coas esixencias regulamentarias en materia de illamento, xa que as luminarias vellas carecían de redes de terra e non garantían a protección fronte a contactos directos e indirectos. O investimento total realizado no ámbito ascende a 413.308,78 euros.

Esta intervención, que o Concello entende como provisional –xa que os báculos definitivos deberán ser dun deseño e de materiais máis adecuados á contorna e ás directrices de preservación do patrimonio histórico–, responde á urxente necesidade de resolver a continuidade do servizo en condicións de seguras, tendo en conta que calquera outra opción requiriría obras de maior envergadura nas instalacións soterradas que non é posible acometer neste momento tanto por razóns xurídicas como orzamentarias.