Thursday 21 de November de 2024

A Xunta destaca o traballo a prol da investigación biomédica do CICA, o que apoia cunha inxección de 2M€


O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación visitan o centro, que conta con máis de 200 investigadores

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), da Universidade da Coruña, para coñecer o seu funcionamento e liñas de investigación a prol da biomedicina. Este centro, que a Xunta de Galicia apoia cunha achega de 2M€, vén de incorporarse este ano á rede de Centros de Investigación de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia, conformada por 13 centros.
Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as necesidades que xurdan no eido da investigación biomédica, destacaron o traballo dos máis de 200 investigadores do CICA co obxectivo de afondar nas causas das principais enfermidades e traducir os resultados da investigación básica en aplicacións médicas en eidos como a neurociencia, as enfermidades crónicas e infecciosas ou a medicina rexenerativa.
O centro está tamén especializado no estudo de como a contaminación, a xestión da auga ou do cambio climático, unha alimentación adecuada e a utilización dunha produción primaria responsable, inciden na mellora da saúde humana.
Nanociencia e retos industriais
José Alberto Díez e Carmen Cotelo coñeceron outras áreas de traballo prioritarias como a nanociencia e os materiais avanzados, con iniciativas para o desenvolvemento de ferramentas biomédicas como plataformas de diagnóstico ou multiterapéuticas, ou ben para abordar novos retos industriais.
Durante a visita, púxose en valor o apoio do Goberno galego a este centro de investigación que, ademais dos 2M€ que recibiron por parte da Xunta este ano, no período 2020-2023 captou 12,7M€ en convocatorias competitivas.