A alcaldesa en funcións, Vanesa Boo, e o concelleiro de Limpeza Viaria, Antonio Leira, reuníronse con representantes dos traballadores
O Concello de Oroso apoia aos traballadores de Transportes Pellejero e Hijos SL, concesionaria do transporte de residuos de SOGAMA, e insta a empresa pública a buscar unha solución negociada que garanta a continuidade dos postos de traballo. Así llo confirmaron a alcaldesa de Oroso en funcións, Vanesa Boo, e o concelleiro de Limpeza Viaria, Antonio Leira, aos representantes dos traballadores, Manuel Regueiro e Ignacio Pavón, cos que se reuniron esta tarde.
Vanesa Boo amosou a preocupación do Concello de Oroso pola situación que lle trasladaron os representantes dos traballadores xa que “están en xogo 69 empregos na comarca, moitos deles de familias de Oroso, polo que consideramos que unha empresa pública como é SOGAMA debería escoitar aos traballadores e garantir tanto os empregos como as condicións laborais dos mesmos”.
Así mesmo, Antonio Leira lembrou que “o Concello de Oroso caracterízase polo seu absoluto respecto aos dereitos dos traballadores, como demostra a inclusión de cláusulas nos pregos de concesións das adxudicacións de servizos en defensa dos dereitos dos empregados das empresas adxudicatarias no municipio. Neles, por exemplo, se especifican cuestións como que non se poderán aplicar convenios de empresa por debaixo do convenio sectorial”. Unha realidade que o Concello orosán xa ten demostrado en varias ocasións, a máis recente a ruptura unilateral dun contrato de 400.000 euros porque a adxudicataria do servizo de limpeza de edificios municipais non lles pagaba ás súas traballadoras, utilizando os fondos para pagarlles directamente ás limpadoras.
Pola súa banda, os representantes dos traballadores informaron a Boo e Leira de que a partir do 15 de febreiro comezarán unha folga indefinida e que o domingo terán unha asemblea para convocar unha manifestación pública, posiblemente para o domingo 21 de febreiro. Denuncian que nas condicións da contrata, SOGAMA estableceu unha serie de criterios técnicos, medio ambientais e económicos; pero que non protexeu aos traballadores, senón que incluíu nas plicas que a nova empresa non tería ningunha responsabilidade co cadro de persoal actual.