A Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística presentou o primeiro vídeo da serie “Barrios de Carballo”
Moito deron de si as Xornadas de microtoponimia que celebramos ao longo do mes de setembro, dentro do proxecto Carballo na memoria, e nas que contamos coa participación de relatores e relatoras tan destacados coma Vicente Feijoo, Xan Fraga, Xosé María Lema, Fernando Cabeza Quiles, Helena Dominguez e Antón Moure.
Grazas a todos eles, as persoas asistentes achegáronse máis de preto á microtoponimia carballesa e puideron recordar que Carballo foi coñecido nun principio como Os Baños de Carballo ou que hai un lugar chamado A Goubea que serviu de base para o primeiro vídeo dunha serie audiovisual sobre microtoponimia carballesa. Nesta primeira entrega da serie Barrios de Carballo dedicada á Goubea participaron Fernando Cabeza, José Borrazás, Chita Esmorís, Manuel Andrade e José Pérez. E xa estamos traballando nas seguintes.
Nestas primeiras xornadas, aínda que centradas na microtoponimia urbana, ocupou un lugar destacado a parroquia de Verdillo. En primeiro lugar porque puidemos escoitar de primeira man, de boca do seu autor, todas as explicacións sobre o informe do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que conclúe que debemos escribir Verdillo e non Berdillo. Un traballo que o Concello de Carballo editou e do que xa se repartiron máis de douscentos exemplares, e que seguen a distribuírse a través da asociación Arume entre a veciñanza interesada.
E na xornada de clausura das Xornadas de toponimia, as cantareiras de Arume, coas súas cántigas, demostraron que as coplas tradicionais son unha fonte imprescindible de recuperación de nomes de lugar. E co bo sabor da música, ninguén marchou sen aprender que a microtoponimia se refire aos nomes de leiras, penedos, montes, praias… e que hai que protexer esta herdanza cultural inmaterial, que nos deixaron os antepasados, porque dá información sobre animais, arqueoloxía, historia, orografía…
Xa quedou demostrado o compromiso da veciñanza de Carballo, posto que a raíz da presentación da plataforma Galicia nomeada por parte do coordinador do proxecto, Vicente Feijoo, déronse de alta máis de vinte persoas e incorporáronse máis de cen microtopónimos do termo municipal.
A importancia da microtoponimia é tal que se pode aproveitar en teses doutorais, expedientes de consellerías e concellos, na loita contra incendios, no uso de ambulancias, nos plans xerais de ordenación, na xeolocalización, na normalización da lingua dentro da aula e moito máis.
O seu valor para o futuro do pobo galego é inmenso xa que resulta pracenteiro, propicia o contacto coa natureza, posúe un valor educativo e patrimonial, axuda a coñecer os lugares e a humanidade a apreciar a súa cultura e a reafirmarse como pobo e incluso pode favorecer unha mocidade saudable.