Friday 22 de November de 2024

Alternativa reafirma o seu compromiso coa recuperación para o patrimonio público do pazo de Baldomir


O Concello de Bergondo pon en valor o teixo centenario do Pazo de Baldomir e a súa contorna. A oposición cuestionou no pasado pleno o acceso a dita parcela.

O pasado 20 de setembro o Concello de Bergondo anunciaba o remate das obras de adecuación e posta en valor da contorna do teixo centenario do Pazo de Baldomir, no marco dunha liña específica de subvencións da Xunta de Galicia destinada á protección de árbores catalogadas como senlleiras. Unha actuación que supuxo unha mellora considerable na contorna e que facilita o acceso á árbore senlleira. Ademais, delimitouse nesta actuación o perímetro da mesma para mellorar a súa protección.

Unha actuación necesaria que suscitou a preocupación dos partidos da oposición. Unha das preguntas formuladas polo voceiro do BNG no pasado pleno poñía en dúbida o acceso a parcela municipal na que se localiza a árbore. A resposta do equipo de goberno deixaba claro que o acceso ía ser o de sempre: peonil e libre. Ante esta resposta o voceiro cuestionaba que os propietarios da urbanización “lles fose a gustar que a xente puidese acceder á urbanización”. Este cuestionamento, entre pintoresco e malicioso, foi secundado mediante xestos de asentimento por parte das concelleiras do PP, sinal inequívoco (un máis) desa nova dinámica de “entente cordiale”, habitual ultimamente na nova relación que está a ter o BNG e o PP na provincia da Coruña.
En calquera caso, ningunha persoa que desexe visitar o teixo catalogado de Baldomir se vai atopar con dificultade algunha nin impedimento de ningún tipo por parte das xentes de Baldomir, todo o contrario. Ben farían tanto BNG coma PP en informarse convenientemente antes de lanzar bulos infundados con tanta alegría e irresponsabilidade.

Alternativa dos Veciños, lonxe de poñer en cuestión a boa vontade dos veciños da Urbanización Baldomir, ven mantendo un contacto permanente e construtivo coa directiva desa entidade. En todas as reunións celebradas o clima foi de cordialidade e entendemento por ambas partes, procurando dar solución, entre outras cuestións pendentes, a unha demanda histórica; a recuperación do vello Pazo de Baldomir como parte do patrimonio público municipal.