Ovidio Rodeiro e José López Campos analizaron cuestións como a declaración do Pico Sacro como BIC e futuras actuacións de conservación na ponte de Ledesma
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, mantivo unha reunión en San Caetano co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para analizar varios proxectos de mellora do patrimonio cultural no municipio. Unha reunión na que o alcalde se interesou polo estado da tramitación do expediente de declaración do Pico Sacro como Ben de Interese Cultural.
“O Pico Sacro é un dos referentes culturais e turísticos xa non de Boqueixón senón de Galicia. Non esquezamos a relevancia deste monte sacro como orixe de Compostela, tal e como se deixa ver no Códice Calixtino. Un espazo singular que merece ser declarado Ben de Interese Cultural por moitos motivos: pola súa relación coa cultura Xacobea e coa relixión, pola súa pegada na nosa literatura, polas súas características arqueolóxicas, polos seus atractivos para a espeleoloxía ou polos seus valores xeolóxicos, pois se trata dunha montaña de cuarzo nun territorio granítico, o que a converte nunha auténtica singularidade xeolóxica”, sinala o alcalde de Boqueixón.
Neste sentido, Ovidio Rodeiro destacou os traballos acometidos polo Concello de Boqueixón nos últimos anos para poñer en valor a contorna do Pico Sacro. Dende as actuacións acometidas ao abeiro do Premio Parabéns (outorgado pola Xunta de Galicia e que permitiron a demolición dunha estrutura de formigón inacabada na subida ao cumio ou a substitución da cuberta do depósito municipal de augas por outra de tipo vexetal para reducir o seu impacto paisaxístico), ata a limpeza da contorna do monte Ilicino, a plantación de especies arbóreas autóctonas, a limpeza e retirada de 3.100 quilos de refugallos das covas ou os recentes traballos de acondicionamento das estruturas de madeira ou a renovación de toda a sinaléctica do lugar.
Ponte Ledesma
Así mesmo, o alcalde de Boqueixón aproveitou para presentarlle ao conselleiro varios proxectos de conservación da ponte de Ledesma, así como outras iniciativas de acondicionamento e mellora de varios espazos culturais de titularidade municipal. “A ponte de Ledesma conta cunha importante historia. Zona de paso no tempo dos romanos, priorato visitado polos arcebispos de Compostela e escenario da histórica batalla contra as tropas napoleónicas no 1809”, lembrou Ovidio Rodeiro, quen destacou tamén que “se trata tamén dun enclave de gran interese turístico que atrae cada ano a máis visitantes”.
Para poñer en valor este lugar, o Concello de Boqueixón puxo en marcha iniciativas culturais como a Noite Velada ou a recreación da batalla de Ponte Ledesma, que teñen lugar durante a primeira semana de agosto e que atraen a milleiros de persoas ata o lugar, así como actividades culturais, deportivas e de ocio.