Friday 22 de November de 2024

O Concello de Miño abre unha nova convocatoria para as bolsas de comedor


● Esta nova convocatoria busca garantir que as axudas de comedor cheguen a todas as familias.

● O Concello miñense incrementou a dotación económica desta subvención en 7.000 euros este ano.

Continuando a súa aposta pola conciliación das familias, o Concello de Miño incrementou este ano en 7.000 euros a dotación económica destinada ás bolsas de comedor. Tras a resolución do 2 de setembro, e en vista de quedaron fondos sen asignar, anúnciase unha nova oportunidade para que as familias do municipio poidan acceder ás bolsas de comedor escolar para o curso 2024-2025.
A nova convocatoria está dirixida a aquelas familias que non puideron presentar a solicitude no prazo inicial, aquelas que no seu momento non atenderon os requirimentos necesarios e ás familias que chegaron recentemente a Miño. Desta maneira, o Concello busca garantir que todas as persoas que cumpran cos requisitos establecidos poidan beneficiarse deste apoio para a alimentación dos seus fillos e fillas na contorna escolar.

Desde o Concello de Miño, faise un chamamento a todas as familias que se atopen nalgunha das situacións anteriormente mencionadas para que aproveiten esta nova oportunidade. A convocatoria ten como obxectivo que os fondos destinados a estas bolsas cheguen ao maior número posible de beneficiarios, especialmente nun contexto de crecente importancia dos comedores escolares como ferramenta para a conciliación familiar e o benestar dos menores.

As familias interesadas deberán presentar a súa solicitude no Concello dentro do prazo estipulado nesta nova convocatoria, cuxos detalles están dispoñibles na páxina web oficial e nas oficinas municipais. O Concello reitera o seu compromiso co benestar dos seus veciños e veciñas, e co obxectivo de que ningún menor en idade escolar quede sen o apoio necesario para a súa alimentación diaria no colexio.