O Concello da Pobra do Caramiñal xa está ultimando os detalles cara a celebración do Xantar da Confraternidade que terá lugar no 25 de outubro, a partir das 14.00 horas, no polideportivo municipal de Venecia.
Trátase dunha cita que agarda reunir a aproximadamente 750 comensais “nunha xornada de encontro e distensión dirixida en exclusiva a persoas maiores de toda a comarca do Barbanza, non só da nosa localidade”, declara a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos. “É un momento de estreitar lazos, socializar, degusta-lo menú preparado para a ocasión e bailar ao son da música”, engade. Quixo tamén agradece-la aportación económica das empresas que colaboran para que este xantar sexa unha realidade.
No que respecta á adquisición das entradas, a técnica municipal, Sara Sánchez, explica que o período para se anotar abrangue do día 7 ao 18 de outubro, ámbolos dous inclusive. Este trámite formalizarase no primeiro andar da casa consistorial, en horario de 09.30 a 14.00 horas. Deberanse aboar 18 euros por persoa, preferiblemente, mediante tarxeta.
A carta constará de dous mariscos, peixe, carne, sobremesa, café e bebidas variadas. Trécola porá o toque musical no momento da recepción das persoas asistentes, mentres que o baile da tarde correrá a cargo de Mar Davila Trío.
Contarase coa colaboración da Protección Civil para organiza-la entrada ao pavillón, ademais de dispoñer de ambulancia como xa é habitual en eventos multitudinarios e mobilizar diferentes servizos que garantan un óptimo desenvolvemento.
Tralo proceso de licitación, o cátering foi adxudicado a Chicolino por un importe de 35.623’50 euros, IVE incluído.