Friday 22 de November de 2024

A arquitectura vertical protagoniza a Semana da Arquitectura 2024, do 7 ao 13 de outubro


O concelleiro Francisco Díaz Gallego presentou a programación desta quinta edición, que incluirá charlas e conferencias de grande interese, ademais de visitas a edificios de referencia

A Semana da Arquitectura 2024 celebrarase na cidade do 7 ao 13 de outubro. O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, presentou esta mañá a programación desta quinta edición xunto ao director da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), Miguel Abelleira, e a presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) da Coruña, Ruth Varela.
Nesta edición o programa xirará en torno á arquitectura vertical da cidade, “un modelo de crecemento que a fai única no país e que deu grandes exemplos de proxectos arquitectónicos”, sinalou Díaz Gallego durante o acto. “O Goberno de Inés Rey segue poñendo no foco e achegando á cidadanía o traballo urbanístico e arquitectónico levado a cabo na cidade desde a súa orixe a través desta iniciativa”, indicou o concelleiro.

A homenaxe a estes proxectos comezará, simbolicamente, coa primeira torre da cidade, a Torre de Hércules, e continuará con todos os proxectos en altura que se executaron ou proxectaron na cidade, incluíndo como puntos clave a torre do Banco Pastor, que será visitada o martes 8, a Torre de Control Marítimo, que tamén inclúe unha visita o domingo 13, e unha ruta polas torres da contorna de Juan Flórez. A exposición ‘As torres coruñesas. Exposición de traballos de Historia da Arquitectura’ instalarase desde o luns 7 ás 19.00 horas na sala de exposicións de María Pita, con entrada de balde.
Por outra banda, a programación tamén inclúe coloquios e conferencias de grande interese como as de José Antonio Franco Taboada, arquitecto da Torre Hercón, entre outros proxectos, Juan Pérez Valcárcel, catedrático de Estruturas da UDC, ou a mesa redonda ‘Altura de miras. Debate sobre os modelos de cidade’ sobre modelos de crecemento, na que participarán Teresa Táboas, Sonia Puente, Luciano Alfaya ou Jesús Conde, que terá lugar o venres 11 ás 18.00 na sede do COAG.
A Semana da Arquitectura está organizada polo Concello coa colaboración da ETSAC, a UDC e o COAG. Ademais, nesta edición colabora a Deputación da Coruña e o Banco Santander. Para as visitas do martes 8, sábado 12 e domingo 13 será necesario enviar un correo a semanadaarquitectura2024@coruna.gal.

Programación da Semana da Arquitectura 2024
Luns 7
● 19.00 horas. Inauguración da exposición ‘As torres coruñesas. Exposición de traballos de Historia da Arquitectura’. Sala de Exposicións Municipal de María Pita.
Martes 8
● 17.00 horas. Visita ao edificio do Banco Pastor guiada polo catedrático José Ramón Alonso Pereira e os arquitectos Pablo Castro e María Crecente.
Mércores 9
● 13.00 horas. Acto de graduación da ETSAC.
● 20.00 horas. Conferencia ‘La torre Costa Rica y otros proyectos de torres’, de José Antonio Franco Taboada. Sala de Exposicións Municipal de María Pita.
Xoves 10
● 20.00 horas. Conferencia ‘Altius: el reto de construir en altura’, de Juan Pérez Valcárcel. Sala de Exposicións Municipal de María Pita.
Venres 11
● 18.00 horas. Mesa de debate ‘Altura de muras. Debate sobre os modelos de cidade’. Sede do COAG na Coruña.
Sábado 12
● 12.00 horas. Visita á Torre de Hércules guiada por Alfredo Vigo e Xosé Alfeirán.
● 17.00 horas. Ruta polas torres residenciais da rúa Juan Flórez. Domingo 13
● 12.00 horas. Visita á Torre de Control Marítimo.