As representacións de ambos concellos mantiveron unha xuntanza de traballo e realizaron un percorrido pola vila
Dentro da política de colaboración interinstitucional que promove o goberno municipal de Carballo, hoxe recibimos a unha representación do goberno local de Ribeira integrada por Cruz Rivadulla Márquez, concelleira de Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás parroquias; Genoveva Betanzos Fernández, delegada de Promoción Económica, Emprego e Consumo, e Antía Alberte Maneiro, de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal. As tres foron recibidas na Alcaldía por Evencio Ferrero e varios membros do executivo carballés.
Carballo é un concello de portas abertas para outras Administracións locais que se interesan pola xestión das áreas ou de distintos programas municipais. Nesta ocasión, a xuntanza serviu para poñer en común aspectos relacionados coa xestión dos centros socioculturais ou iniciativas nas que Carballo tamén é un concello pioneiro, como é o caso dos proxectos de arte urbana.
A expedición de Ribeira chegou a Carballo ás 11.30 horas, e, despois da recepción na Alcaldía, os representantes de ámbolos concellos celebraron unha xuntanza de traballo na que o goberno local estivo representado por Belén Lendoiro, Juan Seoane, Ramón Varela, Daniel Pérez, Miguel Vales e Maruxa Suárez. A xornada rematou cunha visita a algúns dos servizos e instalacións municipais e un percorrido pola vila.