Friday 22 de November de 2024

O pleno aproba que a Xunta asuma a escola infantil de Ribeira


O luns 30 de setembro celebrouse o pleno ordinario onde se aprobou a conta xeral do 2023, a auditoría da rede municipal, a proposta da Alcaldía para que a Xunta asuma a escola infantil de Ribeira, entre outros asuntos.

Aprobación conta xeral

A conta xeral aprobouse con maioría despois dun longo debate económico onde hai un balance positivo pero “aínda estamos a responder das responsabilidades adquiridas polo goberno anterior” salientou a concelleira de Facenda Herminia Pouso. O Remanente de Tesourería para gastos xerais tivo un resultado positivo de 1.500.090,09€.

A cifra que arroxa o RP do Concello no exercicio de 2023 antes de axustes é positiva en 2.912.221,86 € xa que os dereitos liquidados foron superiores ás obrigas liquidadas no exercicio. O Resultado experimenta unha diminución de 251.006,60 euros unha vez practicados os axustes esixidos pola Norma, quedando en 2.661.215,26 euros. O feito de que o resultado orzamentario teña carácter positivo supón que os dereitos recoñecidos no exercicio foron suficientes para financiar os gastos realizados no mesmo, tendo en conta os axustes practicados.

Da análise da execución de ingresos despréndese que se liquidou o 62,29 % das previsións definitivas do orzamento mentres que na execución de gastos acadouse un 57,30 %.
A porcentaxe de execución vese lastrada pola demora nas actuacións inversoras de exercicios anteriores. Igualmente pasa no capítulo 7 de ingreso que, ao non rematar esas actuacións, non se desbloquea o ingreso de fondos doutras administracións.

Aprobada a auditoría da rede municipal de abastecemento

A auditoría municipal de abastecemento e plan de actuación para minimizar as perdas de auga do Concello de Ribeira foi elaborada co obxectivo de obter un uso eficiente, controlado e ben xestionado do recurso natural máis que valioso do que dispoñemos, a auga. Esta auditoría supuxo un investimento de 18.000€ dos que 10.000 foron achegados pola Xunta e os restantes foron fondos propios do Concello.
Vistos os datos recompilados e analizados, tras as visitas efectuadas de campo conclúese que o rendemento da rede é dun 84,40%. Rematado o plan e visto que rendemento da rede debería aumentar un 3,6% ata chegar ao 88%, o que supón 8 puntos máis do 80% requirido pola nova normativa.

Queda acreditado que se reduciría o índice estrutural de fugas dun 2,31 a 2,26 e que o volume perdido en m3 por km de tubaxe e hora mantense nun 0,21%. O Plan ten un investimento de 810.734,55€ e unha planificación a catro anos para ir substituíndo as tubaxes de fibrocemento máis antigas.
A auditoría foi aprobada por tódolos grupos da Corporación, na que todos e todas conclúen da continua mellora e eficiencia da xestión e do bo uso da auga.

Pouso manifestou que estamos en moi boas cifras nun -15% de perdas de agua pero que hai moito que traballar e trasladar as medicións ás roturas accidentais, ás subministracións en instalacións municipais, bocas de rego, distintos puntos de zonas verdes; esos m3 non se están computando. Tamén adiantou que se terá que cumprir ca orde do Ministerio de Industria da instalación de novos aparellos de medida en instalacións que non as teñen, así como a entrada en vigor da caducidade dos aparellos de medida que haberá que cambiar cada 12 anos en tódolos fogares.
Ao longo de catro anos e cun orzamento de 810.734,55€ actuarase nos puntos máis problemáticos para seguir mellorando na eficiencia da xestión da auga no noso municipio:
Aguiño: rúa Lagarto, rúa da Cerca, rúa Manuel Murguía.
Ribeira: rúa Fafián, lugar de Cubelo, Martín, rúa Novoa Santos, rúa Carroucha e rúa Carqueixa Palmeira: rúa barreiro e rúa Río-Azor

A concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, avogou por seguir adiante co estudo técnico que o Concello de Ribeira está realizando para analizar cal vai ser o modelo de xestión futuro sobre o ciclo integral da auga.

O alcalde manifestou agradecemento pola unanimidade neste senso e tamén valorou a sensibilidade especial que se tivo e que ten toda a Corporación pola boa praxe na xestión da auga.

Aprobada a proposta da Alcaldía para que a Xunta asuma a escola infantil de Ribeira

A proposta ten como obxecto de facer sostible o mantemento do funcionamento da escola infantil municipal sen que supoña unha lousa para poder ofrecer á veciñanza os servizos propios de competencia municipal axeitados ás necesidades (obras, mantementos de vías, limpeza, parques e xardíns, educación comunitaria, …) considera o Goberno que é unha opción pode ser a xestión e mantemento integral do centro por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O debate se canalizou nas diferenzas de financiación que existen para as escolas privadas no que a Xunta financia ao 100% do custo, e non é así para as públicas. No caso da escola infantil de Ribeira o gasto é de 560.000 € dos que 62% asume o concello, o 29 % Xunta e o 9% os pais.

O segundo tenente de alcalde, Suárez-Puerta, argumentou que “ten por detrás un regalo envelenado para os concellos e a financiación da mesma; a Xunta de Galicia ten que atender ás competencias que ten, é a administración que ten capacidade das competencias para facerse co servizo”.

O primeiro tenente de alcalde, Mariño de Bricio, informou que nestes momentos, hai na lista de espera 5 ou 6 cativos “se esta cantidade segue na liña ascendente implicará habilitar unha aula máis na escola infantil. Tamén recordou promesa da futura escola infantil que estaba proxectada para Aguiño; finalizou dicindo que “Ribeira con fondos propios dobra o que a Xunta de Galicia financia”.
A edil de Educación, Cruz Rivadulla, seguiu na mesma liña e sinalou “se a Xunta aceptase esta proposta o Concello asumiría os gastos de mantemento e podería destinar eses recursos a competencias que si son municipais”.

O rexedor defendeu o informe e o bo traballo dos técnicos do concello na confección do informe. Barral finalmente preguntou: Por que a Xunta non fai o mesmo sistema de financiamento cas escolas infantís públicas con respecto ás privadas con un 100% de financiamento?

Outros asuntos:
Aprobada por unanimidade unha proposición relativa ás moitas melloras que, segundo a agrupación, precisan os portos do concello. O concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, detallou que o estado de mantemento e conservación que presentan actualmente estes portos é manifestamente mellorable, polo que se aceptou a iniciativa de trasladar ditas demandas de usuarios o órgano competente na materia. A esta proposición engadíronse dúas emendas unha delas para instar á Xunta a que se implique para que Ribeira volva ter descarga de buques mercantes e outra para que se instale fibra óptica nos portos.

Aprobouse unha proposición sobre a sinalización viaria, rozas e maleza.
A Corporación aprobou por unanimidade unha proposta para realizar un estudo, a través do departamento de Urbanismo, para analizar en que núcleos é prioritario actuar para resolver problemas existentes en materia de aliñacións coas estradas.