Salienta o compromiso do Goberno galego de seguir mellorando a educación a través de ferramentas como esta iniciativa, cuxo obxectivo é “afondar nunha nova forma de aprender, de ensinar e de implicarse”
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos contratos programa como a confirmación de que a aposta pola educación de calidade “xa non ten volta atrás”. Durante unha visita ao CEIP Curros Enríquez de Celanova, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir mellorando a educación a través de ferramentas como esta iniciativa, cuxo obxectivo é “afondar nunha nova forma de aprender, de ensinar e de implicarse”.
“Estamos a falar duns contratos programa que integran cursos, contidos, profesores, materias e persoas. É dicir, que integran un equipo formado polo profesorado, o alumnado e as familias, coa finalidade de que todos os alumnos do centro traballen nun proxecto común, poñendo en valor todas as materias que se imparten e integrando a toda a comunidade educativa”, explicou, logo de incidir en que o obxectivo máximo é que o alumno sexa o centro do sistema educativo.
O titular do Goberno galego referiuse ao CEIP Curros Enríquez como un exemplo na aplicación desta iniciativa, e lembrou que na actualidade 82.000 alumnos de toda Galicia se están a beneficiar dos contratos programa; “sete veces máis que cando o puxemos en marcha hai cinco anos, e hoxe un de cada tres centros do ensino público xa participa nesta iniciativa”.
Agradecemento a toda a comunidade escolar
Feijóo destacou e agradeceu o traballo e a implicación dos mestres e de toda a comunidade educativa na aposta por unha educación de calidade e pola súa contribución á baixada da taxa de abandono escolar. “Non en van —dixo— a taxa de abandono escolar en 2015 (15,7%) foi a taxa máis baixa da nosa historia, situándonos practicamente no óptimo da taxa de abandono escolar que sinala a UE, do 15%”, indicou.
O presidente da Xunta concluíu aludindo á equidade e á integración como os obxectivos básicos da educación. “Que calquera neno poida estudar é o primeiro obxectivo, que poida ter as mesmas posibilidades para estudar con independencia do patrimonio e da renda dos seus pais e con independencia de onde viva. A igualdade empeza na educación e se todos temos acceso a poder estudar desde a infancia ata a universidade podemos avanzar”. “E creo que hoxe Galicia é un territorio onde está garantida a igualdade e a equidade no acceso ao ensino”, abondou.