A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, mantivo este martes co presidente de Mercasa, José Manuel Miñones, unha nova reunión de traballo que dá continuidade ao encontro que ambos os dous mantiveron no mes de maio e no que se avanzou no compromiso de converter Santiago nun centro loxístico de referencia na distribución de mercadorías no Eixo Atlántico e no noroeste peninsular.
Sanmartín felicitouse de que o presidente de Mercasa ratificara o compromiso con Santiago na reunión deste martes, que continúa na liña de xerar dinámicas de impulso, colaboración e potenciación de Mercagalicia para Compostela. Hai que lembrar que Mercasa e o Concello de Santiago son entidades socias en Mercagalicia e comparten un proxecto, “o xerme ao que se engadirá a plataforma loxística e que quere constituír no futuro nodo loxístico”, en palabras da rexidora.
Deste xeito, Sanmartín e Miñones puxeron en común os avances para a colaboración futura, onde é fundamental a sinerxía entre Mercagalicia e a plataforma loxística, que conta co compromiso de Mercasa para converter Santiago de Compostela nun centro loxístico fundamental, máis ambicioso, para distribución de mercadorías para a Cidade Histórica, mais tamén para afondar na diversificación económica, que permita potenciar a industria e a relación entre o sector primario e a industria para buscar un maior equilibrio co sector servizos.
Pola súa banda, Mercasa defende o impulso de cara a poñer en marcha canto antes esta iniciativa para a mobilidade sostible de mercadorías e sinala que Santiago é a cidade escollida para impulsar o proxecto de última milla pioneira no Estado, que será exemplo para a distribución de mercadorías en zonas históricas de todo o país.
Miñones acudiu a esta reunión de traballo acompañado da directora de desenvolvemento corporativo e persoas de Mercasa, Mayte Castillo, e a directora de comunicación de Mercasa, Mercedes Cernadas.