Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oleiros require a Costas a urxente reposición da pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz


A pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz presenta importantes e numerosas deficiencias ocasionadas polo desgaste e a acción das correntes mariñas.

A ponte ao castelo de Santa Cruz, tan visitado por residentes e turistas ao longo de todo o ano, presenta numerosas deficiencias na súa estrutura.

O Concello de Oleiros ven de realizar varios estudos onde se analizaron de forma pormenorizada as estruturas da pasarela resultando que existe risco de caída de varios tramos, especialmente do tramo inicial da mesma que enlaza co paseo marítimo. A acción do mar e o desgaste propio ocasionado polo paso do tempo son o caldo de cultivo propicio para a oxidación das estruturas, ademais da falta de area na praia-porto de santa Cruz, tantas veces reclamada polo Concello de Oleiros antes Costas do Estado.

A Delegación do Goberno na Coruña e a xefatura de Costas fai oídos xordos ante as reclamacións do goberno oleirense a respecto da imperiosa necesidade de repoñer a estrutura de acceso ao castelo; un dos monumentos oleirenses máis visitados o longo de todo ano, mais especialmente no verán. Malia isto, o Concello de Oleiros requirirá ante Costas a reposición da pasarela.

“Temos aquí na Coruña un xefe de Costas que fai oídos xordos ante calquera petición do Concello de Oleiros. A pasarela do castelo ten un alto risco de caer abaixo, o mar fixo un traballo moi forte e oxidáronse os ferros que a soportan. A pasarela é competencia exclusiva do Ministerio de Obras Públicas e requiriremos que se repoña dado o perigo de caída que presenta”, manifestou o alcalde Ángel García Seoane.