Friday 22 de November de 2024

O Concello de Bergondo impulsa a transición enerxética con bonificacións no IBI para instalacións solares


· Os propietarios de inmobles con placas solares poderán aforrarse ata o 50% deste imposto.

O Concello de Bergondo deu un paso máis no seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade ao aprobar unha modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Esta nova medida, que foi aprobada polo pleno a semana pasada co apoio de todos os grupos, permitirá aos propietarios de inmobles beneficiarse dunha bonificación de ata o 50% no IBI pola instalación de sistemas de enerxía solar.

A iniciativa ten como obxectivo fomentar o uso de enerxías renovables no municipio, facilitando a incorporación de paneis solares para a produción de enerxía eléctrica ou térmica nos edificios. As bonificacións estarán dispoñibles tanto para vivendas particulares como para empresas que decidan apostar pola enerxía solar, contribuíndo así a unha maior eficiencia enerxética e á redución da pegada de carbono en Bergondo.

Desde o goberno local subliñan a importancia desta medida: “Queremos que o noso municipio estea á vangarda na adopción de enerxías limpas, e con esta bonificación no IBI facilitamos que máis veciños e empresas poidan dar o paso cara a un modelo enerxético máis sostible”.

A bonificación estará dispoñible durante cinco anos a partir da instalación dos sistemas solares, e a súa porcentaxe variará en función do tipo de instalación e as características do inmoble. O Concello de Bergondo anima á cidadanía para informarse sobre as condicións e a aproveitar esta oportunidade para contribuír a un futuro máis verde e responsable.

A modificación da ordenanza atópase en exposición pública e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2025.