Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño colabora coa AGFA do Eume cunha axuda nominativa de 4.000 euros


Coa achega finánciase o mantemento da horta de conservación Carlos Fornos, a participación da asociación en distintas actividades municipais e a organización dun curso de fruticultura

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente da AGFA do Eume, Ignacio Bellas, asinaron a semana pasada o acordo de colaboración entre o Concello e a entidade para o mantemento da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos durante este 2024. O convenio, que se traduce nunha subvención nominativa de 4.000 euros, tamén ten entre as súas finalidades continuar promocionando a fruticultura por medio de cursos e outras actividades de dinamización do sector primario.

Segundo se establece no convenio, a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que non prosperen ou que resulten danados por calquera motivo, ademais de levar a cabo os traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira, entre eles os programas anuais de poda que aseguren a correcta produción da colección de especies.

Por outra banda, o acordo da subvención nominativa tamén recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural -onde se promocionan as castes tradicionais existentes nas comarcas de Ferrol, o Eume e Ortegal-, a encarga de planificar as visitas ao recinto e a súa colaboración canda a Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña para organizar as xornadas anuais “Apostando polo sector primario”.

En canto a formación, o acordo tamén comprende a organización dun curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño. Esta acción formativa estase ultimando nestes momentos, coa previsión de abrir as inscricións proximamente.

A axuda nominativa ascende a 4.000 euros, que a entidade percibirá en dúas veces: o 75% nestes días e o 25% restante cando presente a documentación xustificativa do convenio.

As axudas á plantación de maceiras, até o 17 de outubro
A sinatura do acordo coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume encádrase nas políticas municipais de desenvolvemento da agroecoloxía como sector estratéxico para o territorio. Neste sentido, o Concello tamén subscribiu recentemente un convenio coa Casa do Mel de Goente -xestora do colmear didáctico-, ten en marcha o programa Terra de Vida en colaboración coa Cooperativa Rexenerando, é promotor do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla e, ademais, no último pleno tamén aprobou integrarse na rede estatal de municipios pola Agroecoloxía, como aposta decidida pola potenciación da sostenibilidade e a soberanía alimentaria.

Na liña de recuperar capacidade produtiva para atender mercados de proximidade, o Departamento de Desenvolvemento local leva anos traballando en colaboración coa AGFA do Eume e outras entidades na recuperación, estudo e difusión daquelas variedades do país con mellores aptitudes tanto por sabor como polas posibilidades de transformación que ofrecen.

Dúas das variedades con maior potencial son a Ollo mouro e a Príncipe, ambas obxecto dunha liña de axudas específica para a plantación de pomares que tamén pretende poñer a producir terras infrautilizadas ou en situación de abandono.

As subvencións, dotadas cun orzamento de 10.000 euros, poden solicitarse até o próximo 17 de outubro e a elas poderán acollerse as novas plantacións que se fagan dentro do territorio de San Sadurniño con superficies comprendidas entre os 1.000 e os 4.000 m² (de 1,9 a 7,8 ferrados). A achega será de 10€ por planta, cun límite máximo de 2.000 euros de subvención.