Saturday 16 de November de 2024

A Xunta somete a información pública o Catálogo das Paisaxes que determinará o solo rústico de especial protección paisaxística



A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou hoxe o borrador deste documento técnico, que estará dispoñible a partir de hoxe e durante dous meses na páxina web do departamento

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública durante dous meses o borrador do Catálogo das Paisaxes. O documento, que estará dispoñible na páxina web do departamento, conta entre os seus principais fitos co establecemento de 207 Áreas de especial interese paisaxístico (AEIP) que constituirán a base para determinar a caracterización de solo rústico de especial protección paisaxística que recolle a nova Lei do solo, aprobada esta semana no Parlamento galego.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, acompañada da directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, presentou hoxe en rolda de prensa os detalles desta iniciativa, que tamén servirá de base para a elaboración das Directrices da paisaxe –nas que xa se está traballando- e que constituirá, xunto con estas últimas, o Atlas das paisaxes de Galicia.

O Atlas dará soporte a todos os instrumentos de ordenación territorial e urbanística; aos informes sectoriais en materia de paisaxe e aos Estudos de impacto e integración paisaxística. “Isto é, vai sentar as bases para a xestión da paisaxe, establecendo metodoloxía e criterios rigorosos”, subliñou Mato. “Temos que ter en conta que a calidade da paisaxe é un excelente indicador do grao de desenvolvemento dunha sociedade, e a súa boa xestión e ordenación son un factor a ter en conta para a competitividade dun territorio”, abundou.

Entre os obxectivos deste liña de traballo, tamén se atopa a concienciación e sensibilización da sociedade en torno a esta materia. Ao respecto, Mato recordou, entre outras medidas, que no presente curso tense implantado como materia de libre elección para secundaria e bacharelato a asignatura “paisaxe e sustentabilidade”. Agora, coa presentación do Catálogo, “dáse un novo paso neste camiño”.

O documento presentado hoxe ten un carácter técnico e inclúe os seguintes contidos: a identificación dos tipos de paisaxe; a delimitación das unidades de paisaxe; o inventario dos valores paisaxísticos presentes en cada área; a análise das causas e o estado actual das paisaxes; e a delimitación de Áreas de especial interese paisaxístico (AEIP).

Segundo o Catálogo, Galicia conta con 258 tipos de paisaxe diferente, resultado da combinación de cinco clases de relevo, 12 clases de cuberta de solo, e cinco clases de clima. Dentro desta clasificación, identificáronse 28.350 unidades de paisaxe (áreas con paisaxe homoxéneo).

Outro dos contidos relevantes é a creación dun inventario de 444 miradoiros, nos que se identifican as zonas con maior potencial de vistas de Galicia.

Con todo, un dos seus aspectos máis importantes é a identificación de 207 Áreas de especial interese paisaxístico (AEIP), “aquelas nas que concorren os valores máis salientables”. Para seleccionalas, tívose especialmente en conta a participación pública, que se articulou a través de obradoiros e dunha plataforma web. Grazas a este proceso, achegáronse máis de 2.000 lugares de interese que, logo de ser analizados e combinados cos obtidos do traballo dos expertos e técnicos, resultaron nestas 207 AEIP. Cómpre sinalar que máis do 80% destas AEIP(171) tiñan sido sinaladas tamén polos cidadáns e o 30 por cento (66) foron identificadas exclusivamente por eles.

En total, as Áreas de especial interese ocupan máis de 250.000 hectáreas, o que supón o 8,5% do total do territorio galego.

As AEIP destacan polos seus valores paisaxísticos, ben sexan naturais ou ecolóxicos; culturais ou patrimoniais; ou estéticos e panorámicos. Constituirán a base do solo rústico de protección paisaxística que contempla a nova Lei do solo. De feito, este catálogo complementa a esta normativa nun dos seus “obxectivos primordiais”: a protección da nosa paisaxe.

“O noso novo marco normativo protexerá todas as paisaxes de Galicia e, de forma especial, as máis singulares”, subliñou Mato, quen animou tamén a todos os interesados a facer as súas achegas durante estes dous meses de información pública co obxectivo de “seguir mellorando entre todos esta ferramenta”.