O concello de Ribeira segue avanzando na procura de materializar a construción do futuro polígono industrial de Ribeira “Pedras Vermellas”.
Hoxe tivo lugar unha reunión cos propietarios das parcelas afectadas no término municipal da Pobra do Caramiñal, nela estivo presente a concelleira de Facenda Herminia Pouso, o presidente da asociación de empresarios de Ribeira, Francisco Martínez, o asesor xurídico de Urbanismo, José Martínez de Llano, técnicos da Deputación máis os propietarios das parcelas.
O obxecto da reunión era ver sobre o terreo como ía a ser a afección de esas parcelas para intentar chegar a un acordo de adquisición amistoso para que o proxecto do polígono colla celeridade e se evite pasar á fase de expropiación por parte da Deputación das fincas afectadas.
Pouso salientou que “é necesario que teñamos todo adquirido para seguir dando pasos adiante no desenvolvemento de este polígono” e engadiu; “os particulares manifestaron a súa boa vontade de buscar unha solución para chegar a un punto de entendemento que propicie un acordo para seguir avanzando no proxecto de desenvolvemento do polígono industrial”.
O rexedor, Luís Pérez, indicou que ao afectar o novo polígono a terreos fóra do termo municipal de Ribeira os metros cadrados que corresponden co termo da Pobra, “debémolos comprar para poder executar a urbanización. Agradezo a boa vontade dos propietarios para poder adquirilos e seguir avanzando na realidade deste proxecto que permita dotar a Ribeira de chan industrial”.