Friday 22 de November de 2024

Belén do Campo repasa cos empresarios do polígono de Carballo os avances na tramitación da mpliación deste parque empresarial


A representante do Goberno autonómico trasladou o compromiso do Goberno galego de seguir impulsando a variante de Carballo

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire e polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, mantivo, esta mañá, unha reunión cos representantes da comunidade de propietarios do polígono de Carballo para analizar asuntos de interese común. A representante do Goberno autonómico salientou que unha das prioridades da Xunta de Galicia é dinamizar a actividade empresarial e captar novos investimentos, para o cal considerou que é clave incidir nas políticas de acceso ao solo industrial. Nesta liña, sinalou a importancia de que os polígonos de empresas en Galicia estean dotados das infraestruturas e servizos adecuados para favorecer a actividade das empresas asentadas e das que buscan instalarse nunha área industrial que responda ás súas necesidades.
No encontro a delegada da Xunta lembrou que este polígono recibiu nos tres últimos anos máis de 230.000 euros de axudas do Goberno galego para levar a cabo melloras nas súas infraestruturas e para mellorar a súa seguridade e recalcou que este ano 2024, concretamente, recibiron unha axuda de máis de 94.000 euros que lles permitirá levar a cabo o acondicionamento do acceso norte ao polígono para mellorar a súa conectividade e competitividade.
Na xuntanza abordouse a situación na que se atopa o proceso de ampliación do parque empresarial, a delegada informoulles que o proceso de aprobación do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial desta II fase de ampliación está moi avanzado, unha figura que, segundo lembrou Belén do Campo, está incluída na Lei de áreas empresariais de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de novembro e que pretende axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación do solo industrial na Comunidade.
A representante do Goberno autonómico tamén aclarou que se atopan en fase de licitación a redacción do proxecto de expropiación que conta cun orzamento, de case 75.000 euros e tamén atópase en licitación a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e parcelamento que conta cun orzamento de case 180.000 euros, en ambos casos xa coas ofertas recibidas e en proceso de revisión. Logo de incidir en que o obxectivo é converter esta área “nun dos polígonos de referencia da provincia da Coruña”.
Segundo dixo a Belén do Campo, para avanzar nesta actuación, incluída no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), a Xunta destinará un investimento de 18,7 millóns de euros para incrementar a superficie nuns 581.000 m2, que se sumarán aos máis de 718.000 m2 que o Goberno galego puxo a disposición do empresariado coa primeira ampliación deste parque industrial en 2011.
Variante de Carballo

A delegada da Xunta tamén lles trasladou o compromiso do Goberno galego de seguir impulsando a Variante de Carballo. Neste senso, aclarou que neste momento estase pendente de recibir o informe de Patrimonio Natural. Cando se reciba se resolverá a avaliación ambiental simplificada, momento no que se aprobará provisionalmente o proxecto de trazado e se iniciará o procedemento expropiatorio coa información pública, xa coas prescricións de avaliación ambiental incorporadas.

Belén do Campo informou que desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indicouse que terá que levarse a cabo a protección e conservación dos restos arqueolóxicos relacionados co Castro de Queixeiro, polo que está previsto que en paralaleo ao proceso de información pública se realice unha intervención arqueolóxica.

“Os orzamentos da Xunta para 2024 recollen unha partida orzamentaria específica para o desenvolvemento da Variante de 500.000 euros así como a previsión plurianual orzamentaria necesaria para a súa materialización o que é, sen dúbida, a mellor garantía de que esta obra será unha realidade o antes posible xa que temos unha folla de ruta clara”, recalcou a delegada.
Transporte
Na reunión a delegada tamén recolleu a súa proposta de incluir este polígono na rede de transporte público de Galicia. Belén do Campo comprometeuse a analizar a petición para estudiar a súa viabilidade coa empresa concesionaria.