O executivo municipal deu luz verde ao proxecto de rehabilitación para a adecuación do Pazo de Raxoi co obxectivo de realizar visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico, que contará cun orzamento base de licitación de 3.925.061,75 euros con IVE, financiado co apoio dos fondos Next Generation EU e cun prazo de execución previsto de 12 meses. Tamén se adxudicaron tres novas obras na zona rural, por un importe total de 576.814,93 euros ao abeiro do plan único de concellos POS+ Adicional 2/2023. Destes e outros asuntos deu conta en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.
Míriam Louzao explicou que con este proxecto realizado pola UTE REDONDO, VALLADARES E RODRÍGUEZ SLP + EZCURRA Y OUZANDE ARQUITECTURA SLP preténdese “mellorar, restaurar e/ou renovar os sistemas de instalacións, especialmente os relacionados coa climatización e a iluminación, reducindo os consumos e facéndoos máis eficientes e respectuosos”, así como “mellorar as condicións de uso, a funcionalidade e o atractivo dos espazos do Pazo de Raxoi de cara a mellorar os espazos de traballo e as condicións nas que se realizarán as visitas públicas”. Con este fin acometeránse obra de rehabilitación e acondicionamento nas plantas segunda e terceira do edificio e de restauración dos paramentos, das portas e dos elementos mobles da capela.
Ademais, no marco destas obras tamén se levarán a cabo as “melloras de accesibilidade, cunha rampla de acceso e dun ascensor que percorrerá todo o edificio, desde o soto ata a terceira planta” co obxectivo de “ter una Casa do Concello máis achegada á veciñanza e ás persoas que nos visiten”.
Estre proxecto contará cun orzamento base de licitación de 3.925.061,75 euros con IVE e o prazo de execución previsto é de 12 meses.
Obras no rural
A Xunta de Goberno Local tamém aprobou a adxudicación de tres novas obras na zona rural, por un importe total de 576.814,93, ao abeiro do plan único de concellos POS+ Adicional 2/2023. Así, acordouse a adxudicación do contrato das obras de execución do proxecto de rexeneración do pavimento de calzada da Rúa do San Martiño (Aríns) á empresa OBRAS Y VIALES DE GALICIA SL, por un importe de 340.420,00 € (base impoñible de 281.338,84 € máis IVE do 21% de 59.081,16), unha actuación que consiste na renovación dun viario municipal para a recuperación dun eixe vertebrador norte-sur que conecta parroquias ao este do termo municipal.
Tamén se deu luz verde a adxudicación á empresa ALCOMTE GALICIA SL do contrato para a execución das obras do proxecto do parque infantil no espazo socioeducativo de Rial no lugar de Reibó, na parroquia de Laraño, por un importe 122.375 euros (base impoñible de 101.136,36 € máis IVE do 21% de 21.238,64 €). Este proxecto ten por obxecto a implantación dun parque infantil na área onde se atopa o centro sociocultural e a escola de educación infantil do lugar de Rial na parroquia de Laraño e o acondicionamento dun espazo educativo de actividades agrícolas. Contará cun prazo de execución de 40 días.
A empresa ALCOMTE GALICIA SL tamén é a adxudicataria do contrato para as obras do proxecto de ampliación da rede de saneamento na rúa do Coto dos Olmos, na parroquia de Bando, por un importe 114.019,93 € (base impoñible de 94.231,35 € máis IVE do 21% de 19.788,58 €). Con esta intervención dotarase á zona dunha rede de abastecemento de case un quilómetro e se reporá o pavimento nun prazo de estimado de catro meses.
Os tres proxectos encádranse nas fases 1ª e 2ª do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2023.
Outros asuntos`
O executivo municipal tamén aprobou o texto do convenio entre o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña para a subministración dun vehículo tipo pick- up e a dotación dun posto de mando avanzado para Protección Civil.