O Concello e a Federación Galega e Española de Surf organizan este torneo que se celebrará na praia do Matadoiro, onde haberá tamén diferentes propostas de ocio e gastronomía
O Concello da Coruña e a Federación Galega e Española de Surf organizan o Campionato de España de Surf Open 2024, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de outubro, se as condicións son as apropiadas, na praia do Matadoiro. O Goberno de Inés Rey aposta pola celebración na cidade de grandes eventos deportivos, como é o caso deste campionato, que baixo o nome de ‘A Coruña King and Queen of the Bay’ reunirá aos e ás mellores surfistas do país.
Durante tres días de competición os e as participantes loitarán polo título de campión e campioa de España 2024. Ademais, o ou a deportista que durante a fin de semana surfee a mellor onda levará un distinguido premio co nome de Tito Fariña, en homenaxe ao pioneiro surfista coruñés falecido hai catro anos.
Ademais, o evento contará con diferentes propostas de ocio e gastronomía para complementar a actividade deportiva. Haberá concertos, zona gastronómica e comercial e diferentes actividades que se irán desvelando nas vindeiras semanas.
O evento dividirase en tres zonas: a fonte dos surfistas, onde estará a parte deportiva do evento; o paseo marítimo, entre a fonte dos surfistas e a Finca dos Mariño, onde se situarán as diferentes propostas gastronómicas e comerciais; e a propia Finca dos Mariño, onde se celebrarán as actuacións musicais.
Entre as actividades paralelas previstas haberá charlas sobre a historia do surf en Galicia e sobre o surf adaptado, recollida de lixo nas praias, clases de skate e bautismo de surf para persoas con diversidade funcional e outros obradoiros. Por outra banda, os concertos serán as noites do 18 e 19 de outubro, e un dos días haberá unha sesión nocturna de surf.
Está prevista a participación dun cento de deportistas de primeiro nivel nacional, sendo as delegacións máis numerosas as de Galicia, Canarias, País Vasco e Cantabria. A asistencia a todas as actividades e eventos será gratuíta. A competición deportiva está financiada polo Plan de Sostibilidade Turística A Coruña Sostible e Dixital, cuxas actuacións son financiadas a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.