Durante as celebracións da Cidade Vella, do 4 ao 6 de outubro, unha homenaxe a Sito Sedes e celebrarase o festival de danza Quincegotas
Esta fin de semana, do 4 ao 6 de outubro, a Cidade Vella celebrará as Festas do Rosario 2024, cunha variada oferta de musical, gastronómica e de ocio para todos os públicos. O Goberno de Inés Rey organiza estes festexos xunto coa Asociación de Veciños da Cidade Vella. A meirande parte dos actos celebraranse na praza de Azcárraga, mais haberá eventos en diferentes espazos da Cidade Vella e a súa contorna.
As celebracións comezarán o venres ás 19.00 horas co concerto da Tuna de Veteranos. Ás 20.15 terá lugar o pregón, mentres que ás 21.00 actuará Son D’Aquí. O sábado 5 as actividades comezarán ás 10.00, con dianas e alboradas pola Cidade Vella. Ás 10.30 comezará o Torneo do Rosario de hockey prata no pavillón de Monte Alto.
Ás 12.00 horas haberá unha charla de Alejo Stivel na Casa Museo María Casares. Baixo o título ‘El exilio y el rock’, o vocalista de Tequila falará de diferentes aspectos da vida do artista musical. Stivel será o encargado de pechar as actuacións musicais do sábado, ás 23.45 horas. Antes, ás 21.00, actuará Riff Raff, e ás 22.00 será a quenda de O’Funkillo. Previamente, ás 13.00 horas haberá unha polbeira en Azcárraga e ás 13.30 actuarán Xulo e Carlos, que farán unha homenaxe a Sito Sedes. Ás 14.15 actuarán en Porta de Aires a formación Extraña Pareja.
O domingo volverá a haber dianas e alboradas desde as 10.00 horas. Ás 11.30 haberá combos de música moderna da escola municipal. Ás 13.00 horas actuará Giro Total na rúa Capitán Troncoso. Ás 14.15 será a quenda de Nunzia Giannota e Javi Rey en Porta de Aires. Xa pola tarde, a partir das 17.00, actuará o mago Kiko Pastur. Pechará a programación do Rosario a Banda Municipal de Música, ás 18.30 horas.
VII Festival de Danza Quincegotas
Por outra banda, coincidindo coas Festas do Rosario, celebrarase a sétima edición do Festival de Danza Quincegotas. Esta iniciativa leva desde o ano 2015 ofrecendo diferentes propostas de danza contemporánea de gran nivel a pé de rúa. Desde a súa posta en marcha, o festival logrou agrupar algunhas das mellores compañías de danza de Galicia e tamén de fóra da comunidade. Todas as actuacións serán de balde ata completar a capacidade do recinto.
O sábado 5, ás 18.00 horas, haberá catro actuacións na escalinata da Domus. Serán ‘Rito’, de CDAN Lugo, ‘Jaranda’, de Irene Naranjo, ‘Eringo’, de Tamara Robellat e Gala Martén, e ‘Nunca bailaré solo’, de Iron Skulls Co. Por outra banda, o domingo 6, ás 12.30 horas, no castelo de San Antón haberá outras tres funcións: ‘Mesura’, de Raquel Ferradás, ‘Kyklos’, de Javito Mario, e ‘Latente’, de Ana F. Malero. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, tamén no castelo de San Antón haberá outras catro actuacións: ‘Contrabandistas’, do Conservatorio da Coruña, ‘IN-SIDE’, de Lucía Montes & Mado Dallery, ‘A raíz de’, de Daniel Rodríguez, e ‘Vibra!’, de Arnau Pérez.