O Concello de Oleiros demandou á Xunta de Galicia que incremente o número de profesores de apoio nos colexios Juana de Vega e Rabadeira nos que se produciron recortes respecto ao curso pasado nos mestres de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Atendendo ás peticións das ANPA dos centros, o alcalde dirixiuse por escrito á Consellería de Educación para que modifique a actual situación.
O Juana de Vega pasou de 404 alumnos o pasado curso a 417 neste 2024/2025. En cambio o profesorado de apoio reduciuse de 5 profesores de apoio a 3. O Concello tamén reclama a contratación dun profesor para primaria que aínda non se incorporou, o que está a xerar graves interferencias no funcionamento e organización do centro e un forte malestar na comunidade educativa.
No caso do Colexio Rabadeira a situación é similar. Tamén se recortou unha praza de profesorado de Audición e Linguaxe, malia que o alumnado con necesidades especiais aumentou.
Para unha correcta formación dos nenos e nenas con necesidades especiais é preciso que se cumpra coa normativa, o que non está a acontecer neste momento nos colexios públicos de Nós e Oleiros.