Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsa dúas obras en centros educativos da Laracha por un importe de case 100.000€


― Belén do Campo visitou o CEIP de Caión no que se está executando a reparación do peche do recinto do colexio

― Ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola, durante este verán acométense 222 pequenas e medianas obras por importe de 4,3 millóns de euros na provincia e, a maiores, están comprometidas 32 grandes obras por un importe de máis de 32,9 millóns de euros

― “A Xunta está centrada en modernizar os centros de ensino cun investimento sen precedentes para a mellora das instalacións”, afirma a delegada

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde da Laracha José Manuel López, visitaron o CEIP de Caión para supervisar as obras realizadas pola Xunta para dar resposta ás necesidades do mesmo que contaron cun orzamento de case 37.000 euros.

A representante do Goberno autonómico explicou que neste colexio levouse a cabo unha obra de reparación parcial do peche do recinto do colexio, e lembrou que outra parte xa se executou hai algún tempo. Agora repáranse case 90 metros lineais de peche adicionais demolendo a súa parte superior constituída por elementos verticais prefabricados de formigón e nervio superior de coroación de formigón “in situ”.

A actuación consistiu na substitución deste muro por novos elementos verticais prefabricados de formigón. O peche execútase de novo en formigón porque é o material que mellor resiste o ambiente mariño da vila de Caión con menor mantemento. Está previsto que se remate a obra a mediados do mes de outubro.

Actuación no CEIP Alfredo Brañas
A delegada lembrou que recentemente tamén supervisou as obras de substitución dun tramo de peche duns 120 metros de longo que se atopa en malas condicións seguindo o criterio doutra actuación anterior, empregando paneis e alicerces de reforzo prefabricados. A obra que xa está rematada contou cun orzamento de 46.217€.

Estas obras únense á realizada polo Concello da Laracha no CEIP Otero Pedraio dunha nova zona libre para uso deportivo e de ocio integrada no centro de ensino e dispoñible para o seu desfrute durante o horario lectivo. O investimento destas obras superou os 48.000 euros e permiten ofrecer ao alumnado novas posibilidades e maior comodidade, xa que o centro vira sensiblemente reducidos os espazos libres nos últimos anos trala construción do edificio de infantil e do pavillón polideportivo cuberto.

Actuacións na provincia este ano
Na visita lembrou que ao longo deste ano a Xunta acometeu e seguirá acometendo 254 actuacións, entre pequenas, medianas e grandes obras, en centros educativos da provincia Coruña, cun investimento total de máis de 37,2 millóns de euros.

Este programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolveron durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás e ascensores. En concreto, na provincia da Coruña lévanse a cabo 222 actuacións en 151 centros cun investimento de 4,3 millóns de euros.

Paralelamente a estas pequenas pero necesarias actuacións estivais, a Administración autonómica está a realizar 32 grandes obras nesta provincia por un importe de preto de 32,9 millóns de euros como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética.