O vindeiro 3 de outubro Ribeira vai acoller unha xornada de “captación de voz” en lingua galega, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, no marco do “Proxecto Nós”.
Hoxe presentouse a iniciativa para explicar e animar á veciñanza a participar na recollida de voces, ao acto acudiron a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones e a técnica de Normalización Lingüística, alicia Padín.
A recollida de voces realizarase na aula de informática (Aula CEMIT) situada en en Cubeliño nº 20, en horario de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h. Para participar na gravación na Aula CEMIT, o Proxecto Nós só precisa de 15 minutiños de cadaquén pola mañá ou tarde do xoves 3 de outubro.
Campaña de gravación de voz. Proxecto Nós de Intelixencia Artificial Lugar: Aula CEMIT de Ribeira (Cubeliño, 20)
Data: 3/10/2024, xoves
Horario: de 10 a 14 e de 16 a 20 h
Todas as persoas que participen recibirán un libro e un caderno de agasallo.
Se desexan participar en grupo desde unha asociación ou centro de ensino o concello agradécelles que se poñan en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@ribeira.gal) e lle indiquen o número de persoas e horario previsto, para evitar agardas.
O PROXECTO NÓS
O Proxecto Nós é un proxecto impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral da Lingua, Xunta de Galicia, que busca que todo tipo de dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a lingua galega e que calquera galego ou galega poida empregar con total normalidade a súa lingua, por exemplo, cando lle dá unha orde ao GPS do coche, cando fala cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando lle quere ditar ao seu procesador de texto, cando pide unha cita no médico ou quere facer unha xestión no banco.
Para conseguilo é preciso facerse previamente cunha gran cantidade de texto e audio en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. Para iso, o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces en liña e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos
galegos, como é o caso de Ribeira o vindeiro 3 de outubro, para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto en horario de 10:00 h a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.
Anímate e doa!