A Pobra do Caramiñal volveu indagar no seu pasado a través das xornadas de divulgación histórica e patrimonial que, na súa sétima edición, se focalizou na arqueoloxía, historia, onomástica e literatura.
O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, abriu a parte dos simposios que se desenvolveu no teatro cine Elma durante toda a tarde do sábado 28. Como ben destacou o rexedor, “unha das señas de identidade deste goberno municipal é a protección, a conservación e a difusión do noso patrimonio. A compra da Casa da Cadea, as escavacións que tiveron lugar neste ano, no verán, na Corte do Santo ou a organización destas mesmas xornadas tódolos anos son un bo exemplo disto e queremos continuar nesta liña.” Outro exemplo dese compromiso, segundo anunciou o rexedor, é a recente adquisición do Castro da Croa.
Os primeiros resultados das probas practicadas na Corte do Santo, situado nun meandro do río das Pedras, durante o mes de xullo foron debullados polo arqueólogo Mario Ramos, quen dirixiu a prospección xurdida da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello da Pobra do Caramiñal. En As escavacións na Corte do Santo (Santo Isidro de Posmarcos), salientou as particularidades desta xacemento, con muros de grosor considerable construídos mediante a técnica da cachotaría con pedras fundamentalmente graníticas e, no que a materialidade respecta, acháronse lousa, dous anacos de cerámica e o que podería ser un útil de granito. Isto non constata que alí vivía xente, pero si que fose utilizado. E o proceso de abandono foi premeditado e ordenado. A mostra de carbóns (depósito que se interpreta como a mestura entre terra e restos das vigas da construción) permite datar o momento de abandono do lugar entre finais dos séculos XIII e XIV. Ramos afirmou que “isto trataríase dunha especie de eremitorio, que poderíamos confirmar a natureza eclesiástica do sitio, que estaría funcionando como parte dun proceso de expansión dos poderes feudais.”
Na segunda conferencia, o historiador e cronista oficial de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos, disertou sobre O naufraxio do Santa Isabel e A Pobra do Caramiñal que neste ano fixo o seu 103 aniversario. Este foi, en palabras do relator, “un dos sucesos máis importantes da historia marítima de Galicia” ocorrido a principios do século XX, en plena época da emigración a América. Cualificado pola prensa do momento como o Titanic galego, neste vapor-correo viaxaban 10 pobrenses, todos eles parte da tripulación. Oito deles faleceron neste naufraxio fronte á costa de Sálvora e dous salvaron a vida: un fogueiro de 33 anos e un mariñeiro que ese día non de atopaba a bordo por estar de permiso na casa. Fernández Pazos deu a coñecer numerosos datos sobre este tráxico episodio que segou a vida de 213 persoas entre pasaxe e tripulación. Tamén enxalzou a valentía do segundo oficial do barco, Luís Cebreiro, e dos homes e mulleres da illa, nomeadamente, de María Fernández, Cipriana Oujo, Josefa Parada e Cipriana Crujeiras, coñecidas como as Heroínas de Sálvora, por asistir ás persoas naufragas. Quixo tamén, durante a súa intervención, falar da relación de Valle-Inclán co Santa Isabel, pois quixo escribir unha obra sobre o afundimento: As mulleres de Sálvora: traxedia grega.
Trala pausa, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, foi a encargada de presenta-los dous coloquios restantes e agradeceu o éxito de cada convocatoria das xornadas. Ana Isabel Boullón Agrelo, lingüista e académica da Real Academia Galega (RAG), correu a cargo de Os apelidos da Pobra do Caramiñal, Diferenciou tres tipoloxías: patronímicos como Pérez, Fernández ou González (adoitan configurarse co nome do pai engadindo o sufixo -ez, con algunha excepción); toponímicos como Davila, Santiago ou Cameán (nomear a xente segundo o lugar de onde viña ou residía); e lexicais como Romero, Santos ou Mariño (proceden de alcumes, características ou profesións das persoas). Dentro dos patronímicos, distínguense dúas variantes. Os de orixe léxica correspóndense con microtopónimos, indican residencia. Por exemplo, a Cartografía dos apelidos de Galicia rexistra que na Pobra do Caramiñal hai un índice moi elevado de persoas co apelido Davila, tendo en conta que A Pobra era antigamente coñecida como a vila. E tamén hai os de procedencia, que son de lugares próximos e, moitas veces, opacos en canto ao significado.
No remate, a pedagoga Pilar Sampedro impartiu A Pobra do Caramiñal como escenario da literatura galega, subliñando a canteira de escritores e libros ambientados na localidade. Algúns dos títulos que se repasaron foron O meu bisavó, de Valle-Inclán; Da emigración, de Antón Paz Míguez; Arousiada, de Leonardo da Jandra; A sombra dos teus soños, de Anxo Rei Ballesteros; O día que Miguel Induráin pasou por Gonderande, de Carlos Mosteiro; Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello; O encanto da Pedra Chá e Viaxes dun can de palleiro, de Pere Tobaruela; Nus e O anxo negro, de Manuel Gago; ou Misarela, de Rodrigo Costoya.
Como agasallo para o público presente, fíxose entrega dun póster cunha representación da ría da Arousa, con data de 1634, recollida en O Atlas do Rei Planeta, de Pedro Texeira, onde aparece A Pobra do Caramiñal como porto de referencia.
Na mañá do domingo 29 desenvolveuse un percorrido pola contorna da Portela a cargo do xornalista e escritor Manuel Gago.
A parte teórica permanece dispoñible na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.