O catedrático de Historia Moderna Manuel Reyes García Hurtado inaugura este xoves ás 19.30 horas a cuarta edición do ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. No devir desta charla, titulada Eyes-only Ferrol: o arsenal no século XVIII, o estudoso ferrolán explicará como se construiu o estaleiro ferrolán e a labor de espionaxe de Gran Bretaña, amosando numerosas ilustracións, moitas delas inéditas. Entrada libre e de balde até completar o aforo.
Manuel Reyes García Hurtado é catedrático de Historia Moderna e doutor con premio extraordinario pola UDC, onde dirixe o departamento de Humanidades. As súas principais liñas de investigación son o estudo do exército e da Armada do século XVIII desde a perspectiva da Historia Cultural e da Historia Marítima, con especial atención ás infraestructuras portuarias e á actividade consular, así como ás relacións entre España, Francia e o Reino Unido no século XVIII, sobre as que ten dirixido diversos proxectos de investigación nacionais. Ademais, ten levado a cabo numerosas estancias de investigación e docencia de longa duración en diferentes universidades de Europa e América e publicou numerosas monografías en relación a estes temas.
Trala cita con Manuel Reyes García Hurtado deste xoves, o ciclo Contando Ciencia continuará o vindeiro 7 de novembro con Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático de Xenética pola USC, falando sobre “A xenética no museo do Prado”.
Contando Ciencia é un programa de divulgación científica aberto a todo tipo de público. Todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30, con entrada gratuíta.