A Concellaría do Medio Ambiente convoca o VIII Concurso Fotográfico de Micoloxía para contribuír á divulgación do mundo dos fungos e á valorización e ó respecto polos recursos naturais e o medio ambiente.
Esta actividade enmárcase dentro das Xornadas Micolóxicas e convida a profesionais e afeccionados á fotografía a inmortaliza-los cogomelos en formato de instantánea.
O concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, e a técnica municipal desta área, Beatriz González, deron conta das normas “deste certame ao abeiro dunha programación xa consolidada no calendario outonal municipal e como unha ferramenta de divulgación micolóxica xunto co resto de propostas que se desvelarán en vindeiras datas”, en palabras do edil.
Repartiranse un total de 750 euros en premios baixo o formato de vales de compra que se poderán trocar no comercio local: un primeiro de 350 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro de 150 euros.
Haberá un único prazo de inscrición, realización e entrega das fotografías que abrangue dende o 1 ao 27 de outubro, ás 23.59 horas. A inscrición e o envío das instantáneas será exclusivamente a través do correo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com. Nesa mesma mensaxe, indicaranse o nome, os apelidos e o teléfono de contacto. Unha vez recibidos, remitirase a tarxeta de participación.
Admítense unicamente dúas obras por cada participante. Cada unha constará á súa vez de dúas réplicas: unha onde se vexa a tarxeta de participación, que servirá de control, e outra sen ela, para garanti-lo anonimato cara a avaliación por parte do xurado.
A resolución publicarase no Facebook do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal e en www.apobra.gal. As persoas gañadoras recibirán tamén aviso por vía telemática ou telefónica.
A consulta das bases completas pódese efectuar a través da páxina web municipal.