— A Sala José Sellier convértese a partir deste mes nun espazo de debate arredor da muller no cine con mesas redondas e entrevistas con cineastas
— O xoves 3 de outubro o vigués Roi Cagiao presenta o seu documental ‘10 de marzo’
— Continúa a retrospectiva sobre Agnès Varda coa proxección de catro dos filmes máis recoñecidos da directora francesa
— Outra novidade é o comezo da serie ‘Walker’ do director taiwanés Tsai Ming-liang
— A cinemateca da Xunta tamén acollerá a finais de mes boa parte da programación dos festivais Intersección e Animacción
A Filmoteca de Galicia inaugura en outubro o ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, que se prolongará durante toda a tempada ata o mes de xuño do ano que vén, co obxectivo de afondar na situación do cinema feito por mulleres e reflexionar sobre a renovación da representación delas na pantalla. A continuidade da retrospectiva sobre Agnès Varda ou o comezo da dedicada a Tsai Ming-liang son outras das citas que vertebran a nova carteleira semestral.
O martes 8 de outubro terá lugar a primeira mesa redonda de Close-Up: Reencadramentos de xénero, moderada por Jara Yáñez e coa participación dos cineastas Xacio Baño, Ángeles Huerta e Sonia Méndez. Despois, o público poderá ver La felicidad, de Agnès Varda. Xa o mércores 9, será a quenda do encontro O reto da crítica que, presentado por Elsa Tébar, contará coa participación de Marta Armengou, Áurea Ortiz e Javier Rueda, e estará seguida da proxección de Not a pretty picture de Martha Coolidge, unha película que pasou desapercibida nos anos 70 e que recentemente foi recuperada polo seu discurso sobre a violación.
Ao longo dos vindeiros meses haberá entrevistas con directoras, acompañadas da proxección dunha das súas obras, e máis mesas redondas abertas a unha participación colectiva para promover unha discusión que non pode ser só entre mulleres.
Visita de Roi Cagiao
A sección Off Galicia conta para este xoves 3 de outubro con Roi Cagiao, quen presentará o seu premiado documental 10 de marzo, onde o cineasta vigués aborda a infiltración de Comisións Obreiras e o Partido Comunista en Bazán Ferrol e os conflitos xurdidos durante as negociacións do convenio que desembocaron nos tráxicos eventos daquel día de 1972. A entrada é de balde.
Continúa o ciclo Universo Agnès Varda, unha retrospectiva dedicada á cineasta francesa e que camiña na liña temática da cinemateca da Xunta dos vindeiros meses, cunha programación centrada nas mulleres directoras. Ademais do pase do día 8, o filme La felicidad terá unha segunda sesión o día 10 de outubro, acompañado da curtametraxe Placer de amor en Irán. Tamén poderán verse outros dos títulos máis coñecidos como Las criaturas (1 e 2 outubro), Las playas de Agnès (3 e 4 outubro) e Una canta, otra no (17 outubro).
Na sección Fóra de serie, a cinemateca da Xunta de Galicia trae á Coruña tres filmes de 2023 que tamén poñen o foco na muller: Sobre todo de noche, de Víctor iriarte, sobre os nenos e nenas roubadas ao nacer (10 e 11 de outubro); Eureka, de Lisandro Alonso, protagonizado por unha policía na reserva india de Pine Ridge (15 de outubro); e Música da directora alemá Angela Schanelec (16 e 17 de outubro).
A Sala José Sellier da Coruña retoma a súa programación en colaboración con outras cinematecas e, grazas á restauración feita por Filmoteca Española, o 5 de outubro celebra o Día do Cine Español coa versión completa sen censura de Los Golfos, de Carlos Saura, mentres que o 11 de outubro se proxectarán Carmen de Carabanchel e Margarita y el lobo, traballos pioneiros de Cecilia Bartolomé. No marco do ciclo Materiais para unha historia do cine en Galicia, e adiantando a celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, o sábado 26 de outubro estréase Por los caminos de España (1959), de Manuel Arís. Todas estas proxeccións tamén son de balde.
Descubrindo a Tsai Ming-liang e Stan Brakhage
Outras das novidades deste mes de outubro é o comezo da serie Walker, do cineasta taiwanés Tsai Ming-liang. Trátase de 10 películas, entre curtas e longametraxes, que se proxectarán de outubro a decembro. O realizador comezou a rodar estes traballos en 2012, a maioría concibidos como vídeo-instalacións, una sorte de reflexión paródica sobre o que se deu en chamar a comezos do século como ‘cine lento’ (slow cinema). As primeiras curtas poderán verse nas sesións do mércores 2 e do venres 4 de outubro.
Ademais, nas próximas semanas, a Filmoteca de Galicia recupera o ciclo dedicado ao cineasta experimental Stan Brakhage, que comezou en 2014 e se converte así na retrospectiva máis ampla dedicada en España a este director estadounidense. Entre o 18 e 19 de outubro proxectaranse unha vintena de películas e, ademais, o día 18 terá lugar a presentación do libro Yo… durmiendo, do propio Brakhage, recentemente traducido ao español.
Colaboración cos festivais Intersección e Animacción
Do 22 ao 26 de outubro chega á Coruña unha nova edición do festival Intersección e a Filmoteca de Galicia colabora sendo sede de boa parte da carteleira deste encontro, que conta con subvención da Xunta para a súa celebración. Así mesmo, na última semana de mes chega á Coruña a oitava edición do festival Animacción e a Sala José Sellier será tamén unha das súas pantallas, ofrecendo de balde diferentes seccións e filmes destacados como Dragonkeeper, de Salvador Simó Busom e Jianping Li (29 de outubro), Dispararon al pianista, de Fernando Trueba e Javier Mariscal (30 de outubro) e Os demos de Barro, de Nuno Beato (31 de outubro).