Friday 22 de November de 2024

Á venda as entradas para a nova sesión do ‘Documental do mes’, que volve ao Fórum este xoves coa proxección da longametraxe danesa ‘Echo of you’


No documental, a cineasta Zara Zerny recolle as testemuñas de persoas en idades avanzadas, incluso algunhas xa centenarias, que relatan as súas experiencias de vida sobre o amor, a soidade, o dó, a vida e a morte

O Fórum Metropolitano acolle este xoves 3 de outubro unha nova sesión do ‘Documental do mes’, unha iniciativa que forma parte da programación cultural impulsada polo Concello nas instalacións municipais, complementando os ciclos de cinema xa habituais cada mes nas salas de proxección do Fórum, por exemplo.
Esta semana, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas de Idade, que terá lugar este martes, o Fórum abrirá as súas portas a un documental danés da cineasta Zara Zerny, ‘Echo of you’, que recolle as testemuñas de persoas en idades avanzadas, de oitenta e noventa anos, incluso algunhas xa centenarias, que relatan as súas experiencias de vida sobre o amor, a soidade, o dó, a vida e a morte.
Zerny, nacida no Canadá e criada en Dinamarca, profunda nesta longametraxe nas vivencias dunha xeración que, pouco a pouco, se está despedindo e deixa as súas perspectivas sobre cuestións transcendentais da existencia humana.
A proxección deste xoves comezará ás 20.00 horas e as entradas para asistir xa están á venda. Os pases poden adquirirse na web de Ataquilla e tamén no Fórum, o propio día da sesión. Teñen un custo de 3 euros para o público xeral, con descontos especiais para as persoas posuidoras do Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego.