Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene realizou un estudo para mellorar a rede de abastecemento e reducir as perdas de auga


O estudo, adxudicado a Sopaypro SL por 9.290,80 euros, inclúe propostas para a renovación de 7.746 metros da rede de fibrocemento e a mellora da eficiencia do sistema de abastecemento.

A realización deste estudo contou con financiamento de Augas de Galicia, e cifra as actuacións a implementar en preto de 3 millóns de euros

Fene, 30 de setembro de 2024. O Concello de Fene vén de dar un paso importante na mellora da súa rede de abastecemento de auga, coa realización dunha auditoría que permitiu identificar e adiante as solución ás principais deficiencias detectadas. O estudo, que foi adxudicado por un total de 9.290,80 € á empresa Saopaypro SL, inclúe propostas detalladas para reducir as perdas de auga, que actualmente se sitúan no 32%.

O concelleiro de obras, Manuel Polo, destacou que “este estudo axúdanos a coñecer en profundidade o estado actual da rede e a planificar as actuacións necesarias para garantir un servizo de calidade. A renovación de tramos de fibrocemento e a modernización do equipamento serán claves para evitar perdas innecesarias e mellorar a eficiencia do sistema”.

Entre as conclusión deste estudo destacan tres medidas a adoptar. O primeiro deles é a renovación da rede de fibrocemento, un total de 7.746 metros de tubaxe cuxa avanzada idade aumenta o risco de roturas. Proponse a renovación prioritaria de tramos críticos como a rúa Tellerías e o cruce da Avenida das Pías, cuxa proxecto xa está en marcha por parte do goberno local.

Por outra banda, tamén apunta o estudo á necesidade de realizar campañas de busca de fugas, adoptando tecnoloxías como Permalog, que permite localizar fugas de maneira eficiente. E por último, o informe propón a subdivisión da rede en 11 sectores, o que permitiría un control máis preciso dos caudais e da presión en cada un deles.

En total, o estudo valora as medidas necesarias para a súa implementación nun investimento total de 2.986.485,55 euros. Este importe cubriría a renovación de contadores, a sectorización, a posta en marcha dunha plataforma de control, a renovación da rede, campañas de busca de fugas e fraudes e accións de concienciación.

O concelleiro de obras destacou a necesidade “de ir traballando nestas actuacións para garantir a sustentabilidade do sistema”. “Sabemos que se trata dun investimento elevado, preo resulta imprescindíbel avanzar na modernización dunha rede cunha idade media de 40 anos e mellorar o rendemento hídrico do noso concello”, concluíu.

A realización deste estudo por parte do Concello de Fene contou con financiamento de Augas de Galicia, a través do procedemento AU301C, de subvencións a concellos destinadas á realización de auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga.