— José González puxo en valor a importancia deste encontro como un espazo de reflexión necesario para deseñar o futuro do mercado de traballo ante os retos actuais, como a reforma do sistema de pensións, a duración da xornada laboral ou as vacantes
— Avogou polo papel do Goberno galego como catalizador e facilitador de sinerxías entre todos os axentes implicados no progreso de Galicia, favorecendo o diálogo social
— Puxo en valor medidas impulsadas polo Executivo autonómico para impulsar a empregabilidade e atraer talento, como a modernización do Servizo Público de Emprego, o impulso das microformacións ou a Estratexia Galicia Retorna
— Apelou ao Goberno central a que permita ás comunidades máis flexibilidade para executar os fondos de formación e teña en conta as alegacións ao borrador do Reglamento de Estranxeiría, non obstaculizando o arraigo por formación
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou hoxe a Xornada de Economía Laboral, unha cita organizada polo Consello Xeral de Economistas de España na que se abordaron temas de actualidade vinculados coa normativa laboral e as pensións.
José González puxo en valor a importancia deste encontro como un espazo de reflexión necesario para analizar o presente e deseñar o futuro do mercado de traballo ante os retos actuais, entre os que mencionou cuestións de gran calado que forman parte das principais preocupacións dos cidadáns, como a reforma do sistema de pensións, a duración da xornada laboral, o absentismo, a cobertura das vacantes ou a integración sociolaboral das persoas migrantes.
O titular de Emprego remarcou que a responsabilidade das administracións públicas é a de non quedar de brazos cruzados, buscando solucións desde o diálogo e no marco de amplos acordos que permitan avanzar con lexitimidade. Nesa mesma liña, avogou polo papel do Goberno galego como catalizador e facilitador de sinerxías entre todos os axentes implicados no progreso de Galicia.
O conselleiro lembrou tamén que, froito do proceso de escoita activa que mantén aberto a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está a folla de ruta coa que Galicia aborda, no marco das súas competencias, os desafíos do mercado laboral galego, que, sinalou, son tan estruturais como comúns ao que sucede noutras rexións e países da contorna próxima.
Impulso do mercado laboral e atracción de talento
José González detallou algunhas das medidas que a Xunta ten en marcha para potenciar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, entre as que sinalou a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, o afinado das listas do paro e o impulso decidido ás microformacións como unha ferramenta estratéxica para cubrir as vacantes, sempre da man do tecido produtivo.
Tamén puxo o foco no Programa de atracción de talento, co obxectivo de favorecer o retorno de galegos da diáspora -a través da Estratexia Galicia Retorna-, así como de estranxeiros de terceiros países, vencellado ao mercado traballo e ás necesidades das empresas. Así mesmo, destacou a decidida aposta polo sector comercial e a súa remuda xeracional e o impulso ao emprendemento, especialmente no rural, apostando pola coordinación dos axentes implicados neste eido con fitos como a creación da Rede de polos e outros innovadores proxectos como os colivings.
No marco desta xornada -que tamén contará coa presenza da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz- José González apelou ao Goberno central, solicitando ao Executivo que permita ás comunidades autónomas máis flexibilidade á hora de executar os fondos finalistas para formación, precisamente co obxectivo de axustalos ás demandas reais de cada territorio; ou presentando alegacións ao borrador do novo Reglamento de Estranxeiría, solicitando que se teña en conta o emprendemento no arraigo sociolaboral e que non se obstaculice o arraigo por formación, unha vía para a regularización dos inmigrantes vencellada á capacitación para o emprego. Precisamente neste eido e a través das microformacións, Galicia está a demostrar que funciona cunha eficacia do 100% atendendo aos resultados da primeira edición do programa Arraigo, que vén de renovarse.