O alcalde de Boqueixón e o secretario xeral da Lingua asistiron a este espectáculo musical sobre a lenda do Apóstolo e a Raíña Lupa
O mítico dragón do Pico Sacro fixo unha “aparición” pública na noite de onte sábado ao pé do propio monte Ilicino. Pois foi no aparcamento do Pico Sacro de Boqueixón onde a compañía Queiman e Pousa presentou o seu espectáculo musical “Camiño Máxico no Pico Sacro”. Unha actuación apoiada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e o Concello de Boqueixón.
Por iso, a actuación contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, á fronte de varios centos de persoas que non quixeron perderse este espectáculo ao aire libre. “Trátase dun show espectacular que combina o teatro e a música folk e rock para narrar a historia do Camiño de Santiago, da Raíña Lupa e de todas as lendas do noso Pico Sacro, dragón incluído polo que non haberá nunca mellor escenario ca este, ao pe do monte sagrado de Galicia”, indicou Ovidio Rodeiro.
Con esta actuación en Boqueixón, a compañía Queiman e Pousa culmina unha xira que os levou previamente ata municipios como A Rúa e Ferrol, onde tamén rexistrou un gran éxito de participación.