A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 16 de novembro no Salón de Plenos do Palacio Municipal de María Pita
O vindeiro día 16 de novembro, A Coruña acollerá un ano máis o acto de entrega dos Premios Prismas, unha iniciativa impulsada desde o Concello a través da rede municipal de Museos Científicos Coruñeses e que, desde o ano 1988, contribúe á difusión da cultura científica en España, apoiando o traballo das e dos profesionais especializados na comunicación deste eido.
Este ano, os Premios Prismas chegan á súa XXXVII edición, recoñecidos como un certame de prestixio e avalados tanto pola calidade e trascendencia dos traballos premiados como pola participación no xurado de profesionais procedentes de moitos ámbitos da comunicación científica, que achegan un criterio actualizado e diverso.
O xurado dos Prismas, que emitiu esta fin de semana o seu ditame, foi presidido por José María Montero Sandoval, xornalista en Canal Sur Televisión (RTVA), e composto por Almudena Martín Castro, divulgadora científica, Laura Rodríguez García, xornalista científica, e por María Cristina Naya Riveiro, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC). Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias, actuou como secretario.
Neste sentido, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou o valor dos Prismas “por trasladar á cidadanía, ano tras ano, a importancia da divulgación científica. Da ciencia e a investigación dependen moitas das solucións aos desafíos inmediatos que agardan á sociedade, que esixirán unha responsabilidade e solidariedade xeral”.
A entrega dos galardóns terá lugar o día 16 de novembro no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita.
A listaxe dos gañadores dos Premios Prismas, ao detalle
Mellor traballo en vídeo: Cáncer, el legado de la evolución, capítulo del programa Quèqui, de Pere Renom e Ramón Balagué, producido por Minifilms i 3CAT.
Mellor traballo en novos medios: Science Media Center España, de Esperanza García, Laura Chaparro, Sergio Ferrer, Jesús Méndez y Tania Rabesandratana.
Mellor proxecto de sensibilización e divulgación sobre os océanos: Del Ártico al Cantábrico, dos Servicios Informativos de EITB Media.
Mellor artigo xornalístico: Desigualdad en la ‘prueba del talón’: milagro o pesadilla según el código postal, de Antonio Martínez Ron, publicado en ElDiario.es.
Mellor traballo en radio: Podcast Tu cerebro es oro, ¿qué harás con él cuando mueras?, de Belén Remacha Ciutad.
Mellor proxecto singular: Vagón de la ciencia, de la Universitat Autònoma de Barcelona.
Mellor libro editado: Neuronas para la emoción, editado por Shackleton Books, original de Xurxo Mariño.
Ademais, o xurado decidiu outorgar o Prisma Especial do Xurado a Gema Revuelta e Vladimir de Semir, polos trinta anos do Máster en Comunicación Científica, Médica y Ambiental da UPF Barcelona School of Management.
Tamén se decidiu outorgar tres mencións de horna nas seguintes modalidades:
Mención de honra en proxecto de sensibilización e divulgación sobre os océanos á Triloxía Microalgas, de Xulia Pisón Egea.
Mención de honra en artigo xornalístico a El año en que no se consiguió frenar la minería submarina, de Tania Alonso Cascallana.
Mención de honra en traballo en radio a Océanos de calor, de Mabel Montes Rama e Ramiro Santos Díaz para Atmosféricos de Radio Galega.