― O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta semana no webinario do programa Responsabilízate sobre novos retos dos criterios ambientais, sociais e de gobernanza -ASG- no sector da alimentación
― Desta actividade tamén formaron parte o Clúster alimentario de Galicia e as empresas Congalsa e Bico de Xeado, que expuxeron o seu labor e compromisos ASG a favor do coidado dos océanos e do rural
― Co programa Responsabilízate, o Goberno galego asesora a empresas de xeito gratuíto para avanzar na súa transformación cara á sostibilidade empresarial e as entidades interesadas aínda poden inscribirse na cuarta edición desta iniciativa
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta semana no webinario sobre novos retos dos criterios ambientais, sociais e de gobernanza -ASG- no sector da alimentación. Trátase do cuarto webinar sectorial do programa Responsabilízate da Xunta de Galicia e nel púxose sobre a mesa a realidade actual do sector e a súa relación co desenvolvemento sostible.
Esta actividade tamén contou coa participación do Clúster alimentario de Galicia -Clusaga-, a través da coordinadora da área de Sustentabilidade e Economía Circular, Perla Ferrer, así como con representantes das empresas Congalsa e Bico de Xeado, que expuxeron o seu labor e compromisos ASG a favor do coidado dos océanos e do rural, e do programa Responsabilízate. Esta iniciativa está impulsada polo Goberno galego para apoiar ás pemes e microempresas galegas na súa transformación cara a modelos de negocio ambiental, social e economicamente sostibles.
Nesta liña, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, fixo fincapé no recoñecemento e apoio por parte da Xunta ao esforzo das pequenas e medianas empresas galegas en traballar sobre a súa estratexia ASG e apostar pola competitividade desde unha perspectiva de responsabilidade.
De feito, a través do programa Responsabilízate, as entidades beneficiarias reciben acompañamento integral, formación e servizos de consultoría gratuítos por parte dun grupo de expertos para desenvolver iniciativas ASG adaptadas ás súas necesidades, recursos e prioridades e centradas nun a un modelo de negocio ambiental, social e economicamente sostible.
A cuarta edición desta iniciativa ten aberta a inscrición e as empresas interesadas poden solicitar praza na sede electrónica da Xunta. Ata agora conta cunhas 200 empresas adheridas, de sectores como a construción, o turismo, a tecnoloxía, a formación, a produción agroalimentaria ou a hostalaría.
Empresas participantes no webinario
Congalsa está especializada na elaboración de solucións e produtos do mar conxelados e foi recoñecida recentemente cos IV Premios de Sustentabilidade Empresarial de Galicia, na categoría de grande empresa, polas súas boas prácticas implantadas en materia laboral, ambiental e social, así como polo fomento da conciliación e a corresponsabilidade.
Bico de xeado é unha marca impulsada en 2015 polas granxas que conforman a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, recoñecida polo seu labor transformador e de posta en valor do rural galego e do sector lácteo. Para a definición dos compromisos ASG esta cooperativa contou co apoio do programa Responsabilízate.