— Van dirixidos ao alumnado que rematou estudos de Arte Dramática, Conservación e Restauración de Bens Culturais, Deseño e Música o pasado curso nos centros dependentes da Xunta de Galicia
— Cada galardoado recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo
A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria dos Premios fin de carreira das ensinanzas artísticas superiores, en concreto para o alumnado que rematou no curso 2023/24 os seus estudos artísticos superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática ou de Conservación e Restauración de Bens Culturais en centros públicos de Galicia.
En total, poderán concederse ata seis premios, a razón de dous para as ensinanzas artísticas superiores de Música, outros dous para as de Deseño, un para as de Arte Dramática e outro para as de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Para poder acceder a este recoñecemento, os candidatos deben contar cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos.
Os interesados deberán formular as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 28 de outubro. As persoas galardoadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo do recoñecemento.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional instaurou estes premios por primeira vez no ano 2020, co fin de que o alumnado destas ensinanzas artísticas superiores estea en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns deste tipo desde hai anos. O seu obxectivo é recoñecer a excelencia no rendemento académico e o esforzo, traballo e dedicación dos alumnos destas ensinanzas.