O Concello prevé un investimento de 10,2 millóns de euros nos traballos, que se executarán sobre un soar de titularidade municipal
O Concello da Coruña avanza nos trámites necesarios para iniciar as obras de construción do novo edificio de vivendas de promoción pública que estará situado na parcela Z-37 do barrio de Xuxán. Se o pasado mes de xuño saíron a concurso os traballos de execución, agora, o Goberno de Inés Rey dá un paso máis para a súa posta en marcha coa licitación da asistencia técnica para desenvolver a intervención.
Esta medida, á que o Concello lle destina unha partida de máis de 202.000 euros, é necesaria para acometer a construción do edificio, xa que estipula, por exemplo, as pautas principais de actuación á hora de coordinar a seguridade durante os traballos no soar, un espazo de titularidade municipal onde se prevé a creación de 50 novos pisos destinados a alugueiro social, o que posibilitará a ampliación do parque de vivenda pública na cidade.
“Traballamos para atender as necesidades da cidadanía e a posta a disposición de vivenda social é unha delas. Somos conscientes de que o custo da vivenda en propiedade e dos alugueiros son, a día de hoxe, inabordables para moitos estratos da sociedade. E as administracións públicas temos que empregar todas as ferramentas que teñamos á nosa disposición para paliar un problema real e que afecta non só á Coruña, senón a moitos concellos galegos e de todo o país”, expuxo hoxe a alcaldesa, Inés Rey.
Neste sentido, o Concello xa está a traballar no desenvolvemento do Plan estratéxico de vivenda 2025-2030, unha iniciativa que inclúe, por exemplo, a construción deste novo bloque residencial de 50 vivendas públicas en Xuxán, que tamén disporá de locais comerciais e sotos con garaxes.
Cómpre lembrar que como paso previo, a mediados de febreiro, o Concello deulle luz verde ao proxecto de construción do edificio da Z-37, unha parcela situada entre as rúas Longarela e Cernadas. O soar en cuestión ten unha superficie de 1.600 metros cadrados e unha edificabilidade total de case 7.000 metros cadrados.
Un investimento de 10,2 millóns de euros para crear vivenda pública
Tal e como avanzou a alcaldesa en febreiro, na presentación do proxecto, a parcela en si xa conta con servizos urbanísticos como os de abastecemento de auga potable, evacuación de augas residuais á rede separativa de saneamento e subministración de enerxía eléctrica.
Ademais, o edificio terá tres sotos destinados a garaxes; unha planta baixa, onde haberá tres espazos de uso común e tamén catro locais comerciais; cinco alturas, destinadas a usos residenciais; e unha cuberta na que se proxectou tamén unha zona verde, unha aposta de carácter medioambiental que incluirá diversas áreas axardinadas.
A construción do inmoble, promovido polo Concello con fondos propios e tamén procedentes das convocatorias Next Generation, suporá a creación dun total de 50 novas vivendas, das que unha quinta parte serán adaptadas, cinco veces máis do mínimo estipulado.
Por outra banda, crearanse 104 prazas de aparcamento, das que un total de 12 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Haberá, ademais, 14 prazas de estacionamento para motos e tamén se habilitarán espazos para patinetes eléctricos. A este respecto, do total de prazas de estacionamento proxectadas, medio cento contarán con carga para vehículos eléctricos e as restantes incluirán preinstalación de carga.
Nada máis se adxudiquen as obras, a súa execución durará 24 meses. O investimento previsto polo Concello é de 10,2 millóns, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total.