Saturday 16 de November de 2024

A nova Estratexia da Xunta para o Impulso do Cooperativismo Galego 2016-2020 aposta pola innovación, pola apertura a novos mercados e por que as cooperativas galegas gañen tamaño


Feijóo destaca que a Estratexia conta cun total de 87 medidas e ten como grandes obxectivos potenciar a competitividade e a internacionalización do sector

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a nova Estratexia para o Impulso do Cooperativismo galego 2016-2020 aposta pola innovación, pola apertura a novos mercados e por que as cooperativas galegas gañen tamaño. Neste senso, tamén destacou outras das cuestións nas que fai máis fincapé como son o impulso do cooperativismo en todos os niveis do sistema educativo ou o fomento da creación de cooperativas entre a mocidade e as mulleres.

Como sinalou o máximo responsable autonómico, o Consello da Xunta vén de iniciar o prodecemento para aprobación desta nova Estratexia, que conta cun total de 87 medidas e ten como grandes obxectivos potenciar a competitividade e a internacionalización do cooperativismo.

Segundo o xefe do Executivo galego, trátase dun sector que demostrou fortaleza e solidez ao longo da crise, cando seguiu crecendo e, con respecto a isto, amosouse convencido de que ten posibilidades de futuro.

Para iso, a Estratexia busca 20 obxectivos divididos en 5 grandes áreas: a cultura cooperativa; o emprendemento e autoemprego; a mellora da xestión e competitividade; o financiamento; e a colaboración institucional.

Logo de indicar que a iniciativa contou coas achegas do sector, Feijóo asegurou que a partir de agora consensuarase cos axentes e irase coñecendo máis polo miúdo a estratexia.

O máximo responsable autonómico destacou a aposta decidida do Goberno galego polo emprendemento, ao que este ano destina 40 millóns de euros, e polo cooperativismo e a Economía Social. Neste senso, sinalou que se trata dun sector que aglutina a máis de 7.000 entidades e máis de 300.000 persoas.

Con respecto a isto, lembrou que a Xunta xa impulsou medidas neste eido como a rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social; as axudas ao emprendemento en economía social; a modificación da Lei de cooperativas; e moi especialmente a aprobación da Lei de Economía Social de Galicia.