As actuacións dos grupos do Festival Brión Inclúe e de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre pecharán a Romaría de Santa Minia 2024
Por cuarto ano consecutivo, a Romaría de Santa Minia contou cun “Punto Lila” a prol dunhas festas libres de violencia machista. Nestas dúas primeiras xornadas operativo non houbo que lamentar ningún tipo de incidencia contra mulleres e persoas LGTBIQ+, polo que o posto funcionou unicamente como punto de sensibilización e concienciación da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia.
Así o confirma a concelleira de Igualdade, Rosa Romero, quen apunta que “estas primeiras noites foron tranquilas e as persoas que se achegaron recibiron toda a información que precisaban, dende como atender a un vítima e que pasos dar, ata como evitar comportamentos machistas. A maiores, puideron levar un folleto informativo que editamos dende o Concello baixo a lenda As festas tamén son nosas”. O Punto Lila seguirá operativo esta noite, de 22:30 a 4:00 horas, durante os concertos de Astarot e Sr Salvaje.
Peche de festa
Mañá domingo 29 de setembro será o derradeiro día desta Romaría. O día amencerá co pasarrúas do grupo de gaitas Airiños do Paseo de Colón e da charanga Os Celtas. A mediodía, cuarta e última sesión do VIII Festival Monecadas, coa actuación de Títeres Alakrán, que porá en escena “A Cuba!”, unha divertida obra que xoga cos personaxes do teatro bufo cubano para contar a historia dun galego emigrado a Cuba a principios do século XX.
A sesión vermú estará protagonizada este ano por artistas do Festival Brión Inclúe: a tiktoker Leti da Taberna, cun espectáculo de narración oral no que utiliza a ironía para facer crítica social dende unha perspectiva feminista; Iguatuke, un grupo de batukada inclusiva; e Chungo Pastel, un grupo de rock formado por persoas con diversidade funcional cun repertorio de versións de éxitos do pop-rock e algún tema propio. Pola tarde, Festival de Bandas de Música coas bandas municipais de Brión e CMUS de Carballo, previo ao concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.