O alcalde de Boqueixón e representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo recolleron a distinción de man do ministro de Industria e Comercio
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, recolleu de mans do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, o diploma que acredita a declaración da Festa da Filloa de Lestedo como Festa de Interese Turístico Nacional. Unhas distincións honoríficas que o Ministerio de Industria e Turismo concede a aquelas celebracións de notable valor cultural, de probada e arraigada tradición popular e cun marcado atractivo turístico.
A cerimonia de entrega tivo lugar no Teatro Real de Madrid onte venres, coincidindo co Día Mundial do Turismo. Ovidio Rodeiro estivo acompañado por representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Pascual Villaverde e Juan Corral, así como polo concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local, José Luís Mareque Simón, e o director de Competitividade de Turismo de Galicia, Iván Meléndez Medela.
Ovidio Rodeiro Tato puxo en valor “o traballo que levan facendo os veciños e veciñas de Lestedo nestes últimos anos e que logran así un recoñecemento ao seu esforzo facendo filloas durante máis de corenta anos”. Así mesmo, o alcalde agradeceu “a colaboración intensa dos últimos anos da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Turismo, para lograr esta declaración de Festa de Interese Turístico Nacional”.
A Festa da Filloa de Lestedo compartiu escenario canda outras sete celebracións que foron declaradas de Interese Turístico Nacional, unha delas galegas: a Festa da Empanada de Bandeira (Silleda); e outras seis declaracións de Interese Turístico Internacional, entre as que había dúas galegas: a Festa da Lamprea de Arbo e o Arde Lucus.