Friday 22 de November de 2024

A Policía Local porá en marcha nos próximos días unha campaña de vixilancia e control das terrazas de hostalaría


Na revisión realizada o ano pasado detectáronse unha quincena de establecementos que incumprían as ordenanzas municipais

A Policía Local de Carballo iniciará en breve unha nova campaña de control das terrazas de hostalaría coa finalidade de vixiar o cumprimento das ordenanzas municipais que regulan esta actividade.

Este tipo de accións veñen desenvolvéndose practicamente todos os anos agás durante o período 2020-21, no que os establecementos de hostalaría estiveron exentos do cumprimento da ordenanza de terrazas en canto á limitación do espazo ocupado e o pago das taxas. No 2023 realizouse unha revisión en setenta locais e detectáronse unha quincena de incumprimentos, fundamentalmente por carecer de autorización para a terraza ou por non aboar a taxa correspondente.

A ordenanza fiscal que regula esta actividade está vixente desde o ano 2000 e nunca foi actualizada. O prezo por metro cadrado está establecido en 0,45 euros por día, 3,01 se a solicitude é trimestral ou 9,96 euros/metro cadrado no caso de ocupación anual do espazo público con mesas e cadeiras.

Coma no resto das campañas de control das ordenanzas que se levan a cabo por parte da Policía Local, as persoas infractoras serán notificadas sobre os incumprimentos e terán un prazo determinado para solucionalos. No caso de que non o fagan iniciarase o expediente sancionador correspondente. As multas poden ir desde 120 ata 3.000 euros.

Como deben ser as terrazas en Carballo?
A ordenanza xeral sobre circulación e utilización das vías públicas, vixente desde o ano 2012, establece, entre outros, os seguintes requisitos:
• A ocupación nunca poderá impedir o tránsito dos peóns polas beirarrúas, debendo deixar, como mínimo, un paso de 1,50 metros de ancho totalmente libre de mesas ou cadeiras dentro da beirarrúa, garantindo o paso simultáneo de dúas persoas.
• Se a ocupación se estendese á calzada (zona de aparcamento, nunca ao carril de circulación) e existise desnivel entre a beirarrúa e a mesma, deberá colocarse unha tarima desmontable ao mesmo nivel que o da beirarrúa, para protección das persoas que utilicen a terraza, e para impedir o estacionamento de vehículos no espazo reservado á terraza.
• Deberanse colocar mamparas decorosas, delimitando o perímetro máximo de ocupación autorizada da terraza, salvo na parte que linde coa beirarrúa.
• Deberán colocarse papeleiras-cinceiro suficientes na terraza para os usuarios da mesma.
• titular da autorización deberá manter limpa a zona da terraza e a beirarrúa entre esta e o establecemento.
• Ao remate de cada xornada, antes do peche do establecemento, deberán ser retiradas as mesas, cadeiras e outros elementos auxiliares (parasoles, barras móbiles, etc…) da terraza.
• A instalación de equipos de son na terraza requirirá informe favorable dos servicios técnicos municipais e deberá cumprir a normativa vixente sobre ruídos.
• En ningún caso poderán instalarse na vía pública, sexa na beirarrúa, nos estacionamentos ou na calzada, aparellos de cociña que provoquen fumes ou cheiros, tales coma barbacoas, parriñas, etc…, salvo dispensa expresa en períodos de festas,
• Non se poderán instalar as mesas fóra da liña de fachada do establecemento, salvo que os establecementos lindeiros non sexan de hostalería e non se obstrúa a visión dos escaparates nin os accesos ás tendas e vivendas.