Friday 22 de November de 2024

Máis de 350 estudantes par y participan este curso nos programas de interrcambio da Xunta e web entre Galicia e Francia


Estas mobilidades realízanse ao abeiro dos programas EduFrance, EduMob e PicassoMob nas rexións Hauts-de-France, Bretagne, Académique, Grand Est e Bourgogne-Granche Comté

Un total de 350 alumnos participan este curso en programas da Xunta de Galicia de intercambio de estudantes con institutos franceses. Concretamente, estas mobilidades realízanse ao abeiro dos programas EduFrance, no que participan 150 alumnos galegos e outros tantos franceses; EduMob, ao que se suman 20 mozos de cada rexión, e PicassoMob, un programa que naceu no 2023 e no que participarán este ano cinco estudantes galegos e outros cinco de Francia.
O obxectivo destes intercambios escolares é propiciar o coñecemento mutuo das culturas e linguas de ambos países mediante a asistencia do alumnado a centros educativos e a convivencia en familias doutro país. A Estratexia Edulingüe 2030 de linguas estranxeiras da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP promove este tipo de accións como chave para achegar ao alumnado galego a un contexto internacional real, tanto no ámbito académico como no da convivencia diaria.
No caso do programa EduFrance, serán 150 os alumnos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato de 10 centros públicos galegos que participarán nun intercambio cultural e lingüístico con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, ambas no país galo.
Durante o período de intercambio, o alumnado galego participante –de 15 escolares por cada centro– deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da viaxe dos estudantes franceses en Galicia. A estancia do alumnado galego en Francia terá unha duración dun máximo de 10 días naturais e poderá desenvolverse en calquera momento do curso 2024/2025. No que respecta ao programa EduMob, un total de 20 alumnos de 1º de Bacharelato procedentes de nove centros educativos residirán coa familia do seu homólogo estranxeiro e asistirán as clases no instituto ao que este matriculado o seu anfitrión na rexión académica de Grand Est. No caso do alumnado francés que veña a Galicia, tamén residirá na casa da familia dun alumno galego e asistirá ao mesmo centro deste.
Os cinco alumnos galegos de 1º de Bacharelato participantes no PicassoMob proceden dos institutos IES Canido de Ferrol e IES de Rodeira de Cangas. Comezaron a súa estadía o pasado 16 de setembro e estarán aloxados ata o 11 de outubro nun domicilio dun estudante francés da rexión Bourgogne-Granche Comté, acudindo a clase ao seu centro de ensino. En réxime de reciprocidade, acollerán no seu domicilio e no seu centro de estudos o alumando francés do 14 de outubro ao 8 de novembro.
A relación de centros que participarán nestas tres experiencias, cos gastos de viaxe cubertos pola Xunta, é a reflectida na seguinte táboa:
CONCELLO CENTRO REXIÓN ACADÉMICA
PROVINCIA DA CORUÑA
Arzúa IES de Arzúa Hauts-de-France
Betanzos IES Francisco Aguiar Grand Est
Boiro IES A Cachada Bretagne
Brión IES Brión Grand Est
Brión IES Brión Bretagne
Ferrol IES Canido Bourgonge-Franche Comté
Ferrol IES Canido Bourgonge-Franche Comté
Ferrol IES Canido Bourgonge-Franche Comté
Ferrol IES Sofía Casanova Grand Est
Santiago de Compostela IES Arcebispo Xelmírez I Bretagne

PROVINCIA DE LUGO
Mondoñedo IES Plurilingüe San Rosendo Bretagne
Rábade IES Río Miño Grand Est
PROVINCIA DE OURENSE
Viana do Bolo IES Carlos Casares Hauts-de-France
PROVINCIA DE PONTEVEDRA
A Guarda IES A Sangriña Grand Est
Caldas de Reis IES Plurilingüe Aquis Celenis Hauts-de-France
Cangas IES de Rodeira Bourgonge-Franche Comté
Cangas IES de Rodeira Bourgonge-Franche Comté
Gondomar IES Auga da Laxe Grand Est
Meis CPI de Mosteiro-Meis Hauts-de-France
Nigrán IES Val Miñor Bretagne
Poio IES de Poio Grand Est
Salceda de Caselas IES Pedras Rubias Grand Est
Vigo IES República Oriental de Uruguai Grand Est
Vilagarcía de Arousa IES Castro Alobre Hauts-de-France
Incremento dos coñecementos de francés
Galicia continúa mellorando os resultados nas probas lingüísticas de francés Delf escolar, no que a nosa Comunidade ocupa o 4º posto en España no que se refire ao número de candidatos ás probas, só superado por Cataluña, Andalucía e Madrid -todas con moita máis poboación-.

Neste 2024, os resultados desta proba experimentaron unha alza do 1,4% no número de inscritos en Galicia, mentres que a nivel nacional apréciase unha baixada dun 3%. Do total das 986 persoas de 119 centros educativos galegos que se presentaron, a taxa de aprobados supera o 90% en todos os niveis. Concretamente, o nivel A2 conta cun 95,65% de aprobados; o B1, con 94,02%, e o B2 logra o 91,12% de aprobados.