A corporación municipal tamén aprobará o luns a denominación de 32 rúas en Arnados, Pedra do Sal, Carballo e Xoane da Estrada
A corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno de xullo a proposta do goberno municipal para iniciar o expediente que permitise impoñer sancións á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo polo incumprimento do contrato. Todos os grupos coincidiron na gravidade da situación e na necesidade de adoptar as medidas necesarias para obrigar á empresa a prestar o servizo nas debidas condicións. Ese acordo vaise materializar no pleno do luns, 30 de setembro unha vez rematada a tramitación e desestimadas as alegacións que presentou a empresa, coa aprobación definitiva dunha sanción de 32.648,92 euros, dado que se trata da primeira falta grave, polo incumprimento dos servizos mínimos durante a folga. Así o deron a coñecer hoxe o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, na presentación dos asuntos que se someterán a consideración dos grupos municipais.
Na convocatoria da sesión, que pode descargarse máis abaixo, tamén figura un convenio entre o Concello de Carballo e a Secretaría de Estado de Seguridade para reforzar a colaboración e a coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local en materia de seguridade cidadá, optimizando deste xeito os recursos humanos e materiais.
A corporación municipal aprobará, por outra banda, a denominación de 32 rúas nos núcleos de Pedra do Sal (17), Arnados (8), Carballo (5) e Xoane da Estrada (2) que ou ben carecían de nome ou ben inducían a erro. As novas rúas de Pedra do Sal (Lema) serán Furnas, Baixos de Baldaio, Crebas, 8 de Maio, O Piñeiral, Vapor Solway, Paseo Pedra do Sal, Ángeles Alvariño, Mazaricos, O Xuncal, Biluricos, Carráns, Píllaras, Mariscadoras, Peóns, Camiño As Carreiras e Camiño As Saíñas. As de Arnados (Razo) denominaranse Mar Exeo, Mar Báltico, Xardas, Sargos, Quenllas, Sollas, Monte Peados e Xurelos. As de Carballo serán María Victoria Moreno, Urano, Ramón San Luis Romero, Curros Enríquez e Instituto. E as de Xoane da Estrada (Goiáns), Aciñeiras e Arandeiras.
No pleno ordinario de setembro tamén se presentará a proposta de concesión de bonificacións de ICIO, IBIU e IAE a catro novas empresas. Os descontos acadarán o 95% en tres casos e o 70% no outro. Para determinar as porcentaxes utilízanse criterios como o investimento realizado ou os postos de traballo creados.
Así mesmo, a corporación abordará a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) no que respecta á determinación do complemento específico do profesorado do Conservatorio Profesional de Música, que na súa maior parte pasa a ser persoal municipal tras o proceso de consolidación establecido por lei. Nestes momentos, o CMUS conta cun equipo de 15 docentes.
Outro dos asuntos que forman parte da orde do día é a aprobación definitiva da conta xeral correspondente ao ano 2023, que rematou cuns inao gresos de 45.164.807,21 millóns de euros e un superávit de 876.679,22.
Tamén se debaterá sobre a xestión de residuos, xa que tanto o PP coma o BNG presentaron mocións relativas ao canon de Sogama.