– Resalta a figura de Luis de la Fuente á fronte da selección
– Salienta á marca e á entidade deportiva como referentes nos seus ámbitos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu este mediodía a medalla distintiva da marca elPulpo na súa sede de Bergondo xunto a Luis de la Fuente, seleccionador do combinado español de fútbol. Alí, o presidente agradeceu o recoñecemento e encomiou o labor da marca téxtil como representante de Galicia máis alá das nosas fronteiras: ”Todo o que rodea a elPulpo vai máis aló simplemente da roupa. Seguide así e, crecendo, e sendo a imaxe de Galicia en todas partes”, apuntou Rueda.
Na súa intervención, o titular do Goberno autonómico tamén destacou o gran desempeño de Luis de la Fuente ao cargo da selección: “Cando un equipo funciona tan ben é por que hai algo máis. E Luis é unha persoa que cre realmente no que defende e á que todos admiramos. É un orgullo”, salientou.
Ademais, Rueda comparou a marca galega coa selección dirixida polo adestrador rioxano, salientando que ambas son referentes nos seus ámbitos e que é unha gran nova para a industria galega que vaian da man: “Estou moi orgulloso de compartir isto con alguén como Luis de la Fuente, que con el si que tedes un embaixador de luxo”, rematou o presidente.