Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño integrarase na Rede de Municipios pola Agroecoloxía


A entrada na rede estatal aprobouse nun pleno que tamén ratificou a Conta Xeral de 2023, cun saldo superior ao medio millón de euros

O Concello de San Sadurniño celebrou onte á tardiña un pleno atípico. E é que todos os puntos foron aprobados sen ningún voto en contra, que é distinto de saír adiante por unanimidade, aínda que tamén a houbese nalgúns deles. Así, a corporación resolveu favorablemente a acta da sesión anterior e tamén a integración de San Sadurniño na Rede estatal de Municipios pola Agroecoloxía, mentres que todas as outras cuestión foron ratificadas coa maioría do BNG e a abstención do PP, do PSOE ou de ambos á vez, como foi o caso da Conta Xeral de 2023.

Por orde, o primeiro que se abordou con contido resolutivo foi precisamente o da Conta Xeral de 2023, pechada con 573.977,36€ de fondos líquidos e uns remanentes de tesouraría para novos investimentos que ascenden a 526.531,13 euros. O Grupo de Goberno aproveitou a explicación do punto para gabarse da súa capacidade de xestión e previsión, destacando a este respecto a “alta execución” orzamentaria e que o consistorio se encontre nunha “boa situación financieira”. Os grupos da oposición optaron pola abstención sen pronunciarse sobre o contido do documento.

No punto terceiro do pleno si houbo unanimidade. Tratábase unha cuestión técnica referida á adopción, mediante un convenio, dos protocolos de sinatura electrónica e de seguridade da información impulsados polo Estado, o que permitirá obter soporte técnico por parte da Deputación da Coruña no caso de que se produzan incidencias deste tipo.

O consenso de BNG, PP e do integrante socialista do Grupo Mixto volveu darse na votación sobre a entrada de San Sadurniño na Rede de Municipios pola Agroecoloxía, unha entidade aberta a concellos, mancomunidades e entidades públicas e privadas que funciona como punto de encontro e intercambio de ideas de cara ao desenvolvemento de accións relacionadas coa soberanía alimentaria e o desenvolvemento sostible. San Sadurniño integrarase nesta rede de ámbito estatal como continuación das políticas neste sentido que xa se están poñendo en práctica, como por exemplo o centro de transformación A Fusquenlla, a horta de conservación de froiteiras ou os programas feirais e formativos relacionados co sector primario.

O último asunto da parte resolutiva foi a moción presentada polo BNG relativa ao rexeitamento da suba do canon de SOGAMA e, por extensión, do propio sistema de tratamento baseado na incineración e o soterramento dos resíduos. O texto nacionalista reitera a súa oposición á suba unilateral do canon, que pasará aos 108 euros por tonelada (un 60% máis) e insta ao goberno galego a que se lle dea unha volta á política de residuos para potenciar a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe fronte ao “costoso e antiecolóxico” sistema actual. Tamén solicita a creación dunha comisión de traballo formada pola empresa, as consellarías de Medio Ambiente e Facenda e máis a FEGAMP na que se determinen as condicións do canon para 2025.

No debate, o Bloque volveu insistir en que “o problema de fondo” é o propio sistema de xestión dos resíduos e que a Xunta teime en subirlle o canon aos concellos, “que despois teremos que pagar todas e todos”, en vez de avirse a discutir un modelo “obsoleto”.

O PSOE apoiou a moción, mentres que o PP solicitou incorporarlle unha enmenda parcial para que se instase ao Goberno do Estado a que retirase “todos os impostos ao tratamento de residuos”. O BNG acusou ao grupo popular de facer “demagoxia” e de pretender “confundir” á veciñanza con esta proposta, que tería como finalidade tentar descargar a responsabilidade do “taxazo” de SOGAMA no executivo estatal. A este respecto, o alcalde recordou que o imposto que motiva a suba do canon “está cobrándoo a Xunta, non o Estado, xa que está transferido á Xunta”, incidiu Secundino García. O alcalde criticou ademais o modelo público-privado de SOGAMA: “Naturgy produce electricidade queimando o lixo (…) e a Xunta non vai mover un dedo para prexudicar a Naturgy”, dixo o alcalde.

Tras este punto, o pleno entrou na parte de dación de conta sobre decretos e, deseguido, entrou nos rogos e preguntas, referidas nesta convocatoria á sinalización de varias pistas, ás previsións sobre o acceso dos grupos políticos aos locais acondicionados na Casa da Cultura, o estado en que se encontran os informes sectoriais do PXOM que debe emitir Augas de Galicia e, en último lugar, a solicitude de que o Concello estude a posibilidade de ofrecer un curso de manipulación de produtos fitosanitarios. No medio deste apartado tamén se produciu un breve momento de tensión entre a portavoz do PP, María Belén Trigo, e o alcalde, Secundino García, a raíz do contido dunha publicación do rexedor no seu Facebook persoal.

O contido íntegro do pleno e os matices do debate poden escoitarse no audio publicado en iVoox. Ademais tamén hai vídeo dispoñible en Youtube.